O río Arenteiro protagoniza a nova exposición de O Potiños

"O RÍO ARENTEIRO"

A Asociación Fotográfica O Potiños ven de inaugurar na Casa do Concello do Carballiño unha nova exposición titulada “O Río Arenteiro”, na que se rende homenaxe a un dos principais valores paisaxísticos da vila.

Carmen Rodríguez
Publicado: 01 feb 2025 - 02:00
Membros de O Potiños colocando as fotografías.
Membros de O Potiños colocando as fotografías.

A mostra está composta por 26 fotografías e foi encargada polo Concello do Carballiño á asociación fotográfica “para a posta en valor dos espazos naturais e patrimoniais do Carballiño, con imaxes que son unha fonte de recursos para o arquivo municipal”, explicou o concelleiro de Cultura, Diego Fernández.

Manuel Blanco e Felipe Gallego, membros da directiva de O Potiños, destacaron que “o obxectivo fotográfico está centrado nun elemento como o río, que ten recunchos fermosísimos e que é moi importante para O Carballiño, pero que as veces é o gran esquecido”.

A exposición recolle o traballo de 13 fotógrafos, “e cada un aporta a sua ollada. Uns mais veteranos, outros menos, e sumando ademais a 6 fotógrafos de Vigo, que achegarán un punto de vista totalmente diferente porque non coñecían o río Arenteiro”, explicou Manuel Blanco.

A mostra fotográfica poderá visitarse durante os meses de febreiro e marzo na Casa do Concello.

Contenido patrocinado

stats