Roberto Carragal e Isidro Vidal: “A música ten que estar onde está a xente, hai que levala ás prazas”
Pulpo Beats
Profesores e fundadores da Escola de Música Pulpo Beats
A Escola de Música Moderna Pulpo Beats do Carballiño ofrecerá un concerto mañá mércores 17 de setembro, no marco das Festas do San Cibrao. Será ás 18,00 horas na Praza Emilia Pardo Bazán e permitirá a preto dunha vintena de alumnos e profesores desfrutar achegando a súa música ao público, á vez que para promocionar esta escola de recente creación. Roberto Carragal e Isidro Vidal, son dous dos profesores, xunto a Sander Ulloa, Ivette Dobarro e Jacobo Rubiales.
Pregunta. Como nace Pulpo Beats?
Roberto: Algúns de nós impartíamos clases dende hai anos no Casino, e decidimos xuntarnos cos profesores que se foron incorporando, a fin de ampliar a oferta de instrumentos. Agora abarcamos guitarra, música en movemento, baixo, ukelele, saxofón, piano, acordeón, clarinete, batería trombón, trompeta, bombardino, canto e música tradicional.
Isidro: Apostamos polo Carballiño, e quixemos escoller un nome que representase iso de verdade, e que mellor que o pulpo, símbolo da nosa cultura e gastronomía local, xunto con “beats” para darlle o toque musical.
P. Como está a ser a experiencia?
R: Traballando en equipo estamos chegando mais lonxe, hai máis xente que se está apuntando, e os alumnos veteranos están desfrutando moito e nestas actuacións estanlle marcando o camiño aos máis pequenos.
P. É unha escola interxeneracional e de diferentes estilos musicais.
R: Sempre dicimos que a franxa de idade é ampla: dende os 3 aos 103 anos. De 103 aínda non temos, pero si temos xente xubilada que agora que ten mais tempo se está animando a recibir clases.
I: Eu teño un par de alumnos que están xubilados e decidiron aprender a tocar a gaita. Isto é unha marabilla. E logo penso que a música tradicional hoxe en día é música moderna porque está en todos os medios.
P. Hai interese pola música entre os máis novos?
R: Hai instrumentos que gustan máis que outros, pero vemos que hai interese en xeral por tocar. Hoxe temos máis acceso a instrumentos e a clases, e a música é transversal. Ademais é unha actividade que nos despega das pantallas, das que somos moi escravos.
P. Como vai ser a actuación?
I: Xeralmente nos concertos nas escolas cada un toca o seu, pero nós temos a filosofía de xuntarnos todos. Haberá unha parte de música mais tradicional, na que incluiremos tamén instrumentos como piano e acordeón, e outra mais moderna, pero imos tentar fusionar todos os instrumentos.
R: Acabaremos todos, alumnos e profesores, tocando algún tema tradicional porque as gaitas coas guitarras encaixan ben. Ao fin a música é todo o mesmo, son as mesmas 12 notas e hai que combinalas.
P. Que aporta tocar na rúa?
I: Penso que a música ten que estar na rúa. Os concertos no auditorio están moi ben pero a música ten que estar onde está a xente, e se a xente está nas prazas, hai que levala ás prazas, e ir cos instrumentos á rúa.
P. Que supón para vos este concerto?
I: É unha oportunidade para que a xente veña a ver o que se fai no pobo e apoiar aos músicos que van ser o noso futuro.
R: Animamos as familias que veñan a coñecernos e ver o que se está facer na Escola.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
8.000 NOCHES
Novo Rural crece y genera casi 800.000 euros en 2025
ROTEIRO MANUEL MARÍA
Avantar celebra as Letras Galegas cunha “Afroliada”
64 AÑOS DE HISTORIA
La Festa do Pulpo unirá Carballiño y Lanzarote
Lo último
RECOMENDACIONES PARA LOS VIAJEROS
Cambian los horarios de trenes en A Coruña desde el 11 de julio por las obras de la nueva estación
PRESIÓN EN VIVIENDA PROTEGIDA
Gráfico | La compraventa de viviendas cae un 1,8% en abril y suma cuatro meses de bajadas
IRREGULARIDADES CON FONDOS DE LA UE
Nueva investigación en el caso Begoña Gómez: el juez Peinado amplía la causa con dos posibles delitos