San Amaro promove un arquivo da súa historia
o carballiño
O alcalde en funcións pediu axuda á Deputación para varios proxectos
O Concello de San Amaro pon en marcha o que denomina unha Biblioteca Vivente coa que pretende recoller a memoria das persoas que habitaron e habitan o municipio, deixando para as xeracións futuras copia do seu testemuño. Este proxecto, que dará inicio nas vindeiras semanas, pretende crear un arquivo histórico dixital coas imaxes, lembranzas e memorias do concello "na procura dunha maior autoestima da poboación", segundo sinalaba o alcalde en funcións, Carlos Paz González.
Con ese obxectivo iniciarase unha recopilación de fotografías antigas e testimuñas, que tamén abarcarán a aquelas persoas que destacaron por diversos motivos. Así o rexedor referíase ao xa finado Bautista Álvarez, membro do BNG, ou aos alcaldes de San Amaro desde que é concello.
Este proxecto, sinalou Carlos Paz que será algo costoso e por iso trasladoulle unha petición de axuda económica ao presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar, durante un encontro que mantiveron e no que ademais abordaron outros asuntos. Entre eles, un plan plurianual para a creación de illas ecolóxicas en todo o termo municipal, que ordenen a xestión e o tratamento de residuos dentro do concello. Procúrase con isto optimizar a recollida e o transporte do lixo, poñer orde nos colectores e mellorar a apariencia dos puntos de recollida.
O presidente provincial confirmou tamén o compromiso para a renovación do campo de fútbol de Salamonde, para o cal este concello acaba de recibir na semana pasada o convenio da Xunta de Galicia. Así mesmo, a institución mantén tamén a colaboración coas aulas madrugadoras, que seguirán desenvolvéndose no CEIP Plurilingüe Eulogio Gómez Franqueira.
Por último, o rexedor en funcións propuxo converter os sobrantes da estrada OU-410, do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, nun espazo de lecer e de estacionamento para autocaravanas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
FESTA DO PULPO
Carballiño preparará unha tapa de pulpo de 610 quilos
OCIO EN FAMILIA
Los niños carballiñeses vencen el calor en la Festa da auga
Lo último