Bieto Ledo, novo embaixador da terra de poetas e do Arnoia

RECOÑECEMENTO AO DRUIDA DO PADROSO

A Fundación Curros Enríquez loou a traxectoria e ocompromiso coa cultura do druida do Padroso

Homenaxe e recoñecemento a Bieito Ledo en Celanova

A Fundación Curros Enríquez de Celanova sumou este domingo un novo membro de horna ao seu padroado, a do editor e promotor cultural, Bieto Ledo Cabido, coa entrega do premio Celanova, Casa dos Poetas. “Estou emocionado, agradecido e ledo. Ledo procuro estar sempre e penso que o consigo”, bromeaba na súa intervención o homenaxeado, quen quixo compartir cos presentes algunhas anécdotas e curiosidades que deron unha boa descrición do seu carácter afable e reivindicativo ao público congregado no antigo refectorio do Mosterio de San Salvador. “É un alto honor para min recibir este premio e formar parte deste grupo que traballou no territorio da aqualtas, ter para ser, sementando e coidando valores, que non se poden nin medir, nin pesar at maiore Galiciae gloria”, deixou escrito no libro de actas.

O primeiro domingo de setembro está marcado en vermello no calendario cultural dos galegos dende hai 40 anos, coa elección dun persoeiro destacado pola súa contribución á cultura galega e que, nesta ocasión, recaeu no “druída de Padroso”, tal e como se referiu a el a súa amiga persoal e tamén patroa da Fundación Curros Enríquez, María Xosé Porteiro, encargada da laudatio do ourensán. “A partir de hoxe, Bieito, poderás contar cun fío máis ao que amarrarte para exercer como embaixador desta terra. A que sei que lle tes un grande aprezo dende fai moito tempo”, díxolle Antonio Puga, alcalde e presidente da fundación, quen quixo poñer en valor a vitalidade e o aprecio entusiasta que ten por Galicia en xeral e polas terras do Arnoia, en particular.

Un momento da ofrenda floral.
Un momento da ofrenda floral.

O presidente de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro, foi o mestre que guiou sobre o escenario as intervencións de Antonio Piñeiro, quen como secretario fixo lectura da acta, Teresa Barge en representación da Deputación, ou Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, quen destacou a contribución de Ledo “á nosa cultura como gran xestor e creador de iniciativas que levaron sempre na súa razón de ser unha fonda implicación coas nosas raíces e identidade”. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, foi máis alá e, ademais de destacar a traxectoria do ourensán afincado en Vigo, anunciou a decisión de propoñer á Mesa do Parlamento, agora que están a piques de rematar as obras no Pazo do Hórreo, adicar unha das novas salas a Manuel Curros Enríquez, “saldando así -dixo- unha débeda con Celanova”.

O acto solemne no Refectorio, ao que asistiron patróns e premiados doutras edicións, membros da Corporación de Celanova e dos concellos da bisbarra, representantes de fundacións amigas, así como o presidente da Real Academia de Galicia, contou coa ambientación musical do cuarteto Caramuxo, quen sorprendeu cunha adaptación do poema currosiano “A nena da fonte” interpretada por Antón Pulido.

Cabodeano

A xornada arrancou coa homenaxe, no seu 45 cabodeano, ao poeta Celso Emilio Ferreiro coa interpretación da Alborada de Celanova da man da Banda de Gaitas do Concello e o recital de Camila Vázquez e Tere Barge do Teatro Solpor.

Un acto onde tivo lugar unha ofrenda floral fronte o busto do poeta, vítima dos grafitis hai uns meses, e que o alcalde Antonio Puga aproveitou para condenar os feitos delictivos e pedir a colaboración de todos na protección do patrimonio.

Contenido patrocinado

stats