Raigame coroa como a capital da cultura galega a Vilanova dos Infantes
Artistas e artesáns de toda a comunidade e de Portugal encheron de música e colorido as pétreas rúas do burgo medieval
O pasado e o presente déronse a man onte en Vilanova dos Infantes nunha nova e sorprendente edición da romaría entográfica Raigame na que se puxo de manifesto o futuro prometedor da cultura galega.
A choiva non restou gañas nin público a unha celebración que, durante toda a xornada, contou con ducias de exhibicións das artes e tradicións nas rúas e prazas. Cantareiras, pandereteiras e grupos de baile e música tradicional puxeron a banda sonora a unha festa que, dende fai dúas décadas, supón un punto de encontro e confraternización para a veciñanza e un grande escaparate para as belas artes e oficios da comunidade. “Non hai un acto en toda Galicia que mellor represente e homenaxée as letras galegas que Raigame, porque engloba o todo: o marco, as actividades, os oficios, a cultura, as artes.. e todo en galego, na nosa lingua”, dixo o presidente da Deputación, Luis Menor, reivindicando o orgullo ourensán.
Ampla programación
O día quedouse curto para poder desfrutar da ampla e variada programación, froito do traballo do Concello de Celanova e do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación e ducias de voluntarios, con espectáculos de baile e música tradicional, pero tamén das proxeccións de cine, de exposicións, monicreques e visitas guiadas, de contacontos e, como non, tabernas e postos gastronómicos. “Vir a Raigame é especial, pero é que o pobo non precisa de moito máis para vir pasar un bo día”, comentaba Loli, dende o seu posto de artesanía Abn na Estrada de Celanova. Xunto a ela, María del Carmen, de Marvida, ou Sara, de A Sariña Maquinando, nunha longa ringleira de artesáns galegos, daban mostra do seu bo facer nun escaparate que continuaba polas prazas e baixos das casas do burgo medieval, e do cal desfrutaron veciños e visitantes chegados dende diferentes puntos de Galicia, de Euskadi, Asturias, Castela e León e os irmáns de Portugal, entre eles unha representación da Cámara municipal de Santo Tirso, irmandados con Celanova.
“Quero agradecer a vosa presencia, que nos honra, igual ca de todos vós que facedes posible Raigame”, dixo o alcalde, Antonio Puga, na entrega do premio Adolfo Enríquez que, nesta doce edición adicada aos dulceiros, tivo como protagonistas as Isoliñas, as irmáns que conquistaron aos celanoveses cos seus “bolos” e que recolleu, aos 97 anos, Concepción Fernández. “Merecían ter tamén o día dos bolos das Isoliñas e pensaremos nunha data para celebralo”, anunciou Puga.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CREACIÓN DE VIVIENDA
2.000 casas vacías en Celanova y solo tres en alquiler
SEGUNDO DE BACHILLERATO
Galería | Emoción en la graduación y despedida de los alumnos del IES Celanova
Lo último
A POR LA VICTORIA
España busca reconocerse en el Mundial de fútbol ante Arabia Saudí
PARTIDO ENTRE MARCAS
El Mundial donde la moda ganó el partido
Carlos Risco
COSAS QUE CONVIENEN
En el amor