Aposta firme por viños de calidade

PRODUTOS GALEGOS

O Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada destina máis de 10 millóns para a promoción dos produtos galegos

Aníbal Blanco, Manuel Vázquez e  María del Carmen Cid.
Aníbal Blanco, Manuel Vázquez e María del Carmen Cid. | La Región

O sector agroalimentario galego vive un momento de consolidación e proxección exterior grazas a iniciativas como o Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, unha estratexia impulsada pola Xunta a través da Consellería do Medio Rural e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Cun orzamento que supera os dez millóns de euros, mantén o obxectivo prioritario de dotar de músculo comercial aos produtos con selos de calidade diferenciada.

A través deste Plan fináncianse accións directas de promoción dende a Consellería, así como diferentes liñas de achegas convocadas para os consellos reguladores. Cómpre lembrar que Galicia conta con 36 DO e IXP, o que converte a Galicia nunha das comunidades autónomas con máis selos deste tipo. A estes distintivos hai que engadirlle a certificación de produción ecolóxica e a Artesanía Alimentaria.

Catas de Galicia

Así, o apoio específico aos caldos galegos tradúcese tamén en iniciativas como as Catas de Galicia, que reúnen anualmente a paneis de especialistas e sumilleres de prestixio para avaliar centos de mostras de viños, augardentes e licores tradicionais e outorgar os galardóns, constituíndo unha ferramenta de referencia para recoñecer o esforzo das adegas, certificar a máxima calidade das elaboracións e proxectar con garantías o seu prestixio tanto nos mercados nacionais coma internacionais.

Este ano, na DO Monterrei resultaron premiados na categoría de viños brancos Alma de Autor (Adegas Pazo das Tapias) co Acio de Ouro, a Marova (Rectoral del Monaguillo) co Acio de Prata, e 3 Mentiras (Terra de Godello) co Acio de Bronce. No apartado de tintos, os galardóns recaíron en Quinta das Tapias (Adega Tapias Mariñán) co Acio de Ouro, Fanrela (Manuel Vázquez Losada) co Acio de Prata, e Pazo Mariñán (Adega Tapias Mariñán) co Acio de Bronce.

Aníbal Blanco (Tapias Mariñán)

Os viños tintos da adega Tapias Mariñán acadaron un recoñecemento especial este ano nas Catas de Galicia co Acio de Ouro da DO Monterrei por Quinta das Tapias e o de Bronce con Pazo Mariñán. Detrás do proxecto está Aníbal Blanco, que se amosa moi satisfeito polos galardóns recibidos nos últimos tempos, entre os que salienta tamén un Gran Ouro acadado entre os grandes tintos de España. Se ben para el o verdadeiro triunfo reside na consolidación dun proxecto de confianza nos mercados. Eu creo que somos un referente de calidade como adega a nivel de España. A magnitude do reto queda patente na capacidade de comercialización da firma, capaz de dar saída a un volume de un millón e medio de botellas.

“Detrás de cada botella de viño hai un esforzo colectivo”

Con todo, Blanco recoñece que o sector se enfronta a novos desafíos derivados dun contexto ambiental cambiante que altera os ciclos tradicionais. Proba diso é que a vendima deste ano se está presentando especialmente temperá. O cambio climático está aquí, para ben ou para mal, recoñece.

Máis alá do clima, ante un panorama global complexo para o sector do alcohol, considera que a Denominación de Orixe Monterrei conta con vantaxes competitivas significativas para resistir posibles crises económicas. Sinala neste punto a facilidade para a mecanización da vendima, como un dos elementos favorables da zona. De feito, a aposta pola modernización tecnolóxica foi unha constante pioneira na adega, converténdose nas primeiras en introducir unha vendimadora.

Para Aníbal Blanco, detrás de cada botella de viño hai unha historia de dedicación humana que transcende o labor empresarial para converterse nun acto de coidado do territorio. Os consumidores teñen que pensar que detrás dunha botella de viño hai un esforzo colectivo, moita xente que vive diso, moitos postos de traballo. Temos que valoralo porque traballar o campo hoxe é de heroes. Dentro deste contexto, pon en valor a Feira do Viño de Monterrei, un evento importante tanto para as adegas como para a propia DO.

Manuel Vázquez (Adega Manuel Vázquez Losada)

Desde 2019 adega Manuel Vázquez Losada, un proxecto de carácter familiar que cultiva sete hectáreas de viñedo propio. Tal e como explica o propio Manuel Vázquez, todo o proceso produtivo lévase a cabo na casa, controlando rigorosamente cada fase dende o coidado inicial das vides ata o momento en que o viño descansa na botella. Se ben os inicios sempre son complicados, agora creo que estamos nun nivel de calidade importante.

“A Feira é unha gran festa para a viticultura de toda a comarca”

O seu traballo vén de recibir o Acio de Prata nos viños tintos de Monterrei con Fanrela. Un galardón que se suma ao Acio de Ouro logrado o pasado ano, consolidando unha traxectoria ascendente que premia o traballo ben feito. Ante este novo éxito, Vázquez considera que a clave reside en marcar unha personalidade propia na que apostamos por calidade máis que por cantidade. O adegueiro subliña que estes dous galardóns consecutivos demostran que se está a facer traballo e poñen de manifesto que en Monterrei tamén se elaboran tintos excelentes.

Con todo, o panorama actual do sector non está exento de retos, marcado dunha banda pola baixada xeral no consumo de viño en comparación con épocas anteriores, e doutra pola mudanza nas tendencias do mercado. Mentres que antigamente a DO mantiña un equilibrio do 50% entre variedades brancas e tintas, a realidade actual sitúase nun 80% de brancos e 20% de tintos. A resposta dende a adega Manuel Vázquez Losada pasa pola diferenciación e diversificación, elaborando dende monovarietais de godello e apostando tamén este ano por un monovarietal de Dona Branca ata chegar a coidados plurivarietais. O peche a este ciclo chega coa celebración da Feira do Viño, unha festa para a comarca que pon en valor tanto o produto coma a cultura vitícola que o rodea.

María del Carmen Cid (Adega Terra de Godello)

A ilusión e o traballo constante dan os seus froitos en Monterrei nunha das firmas máis novas da Denominación de Orixe. María del Carmen Cid, ao fronte da adega Terras de Godello, recolle os éxitos tras conseguir o Acio de Bronce ao mellor viño branco con 3 Mentiras, un produto que destaca polo seu coidado perfil e un prezo axustado. Está moi bo, é un bo produto e cun prezo moi axustado. Cando vendes calidade e non te pasas, ao final funciona, explica con satisfacción.

“Con ilusión, ganas e con moito traballo estame indo ben”

A adega, cunha produción pequena dunha 50.000 botellas, comezou a andar case por casualidade co apoio de Fernando Abeledos, que lle fixo un favor cando non tiña moi claro se me ía ir ben. Dous anos despois de entrar na DO Monterrei, Cid recoñece que nunca esperaba tanta acollida, xa che digo eu que nunca pensei que me ía ir así de ben, a verdade. Porén, atribúe parte deste acerto a saber delegar e rodearse de profesionais recoñecendo que teño ao meu lado a xente que sabe moito máis ca min, eu teño moita ilusión.

Con respecto ao futuro do sector, a adegueira de Monterrei aposta pola prudencia ante o bum do Godello, considerando que temos que ter calma, que isto non é plantar, plantar, plantar. Hoxe está así e mañá pode non estar así e asegura que eu como teño unha produción moi pequena estou encantada.

Coa mesma ilusión coa que traballa cada día, afronta a Feira do Viño de Monterrei desta fin de semana, prepareina coma se non houbese un mañá, bromea, destacando a importancia destas citas de promoción para conectar directamente co público. O ano pasado foime moi ben, explica falando dun evento que se consolida edición tras edición como escaparate da viticultura da comarca. Ante a proximidade da vendima, que virá despois da feira, María del Carmen Cid amósase tamén moi ilusionada, convencida de que o esforzo diario sempre dá resultados.

Contenido patrocinado

stats