Brigadistas por unhas horas no colexio de Laza

Os máis pequenos do colexio O Castiñeiro coñeceron o día a día e a importancia do traballo dos técnicos forestais da Brif de Laza nunha xornada de desfrute da natureza.

Os cativos coñeceron a base dos helicópteros.
Os cativos coñeceron a base dos helicópteros.

As Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais (Brif) son unidades helitransportadas de persoal altamente especializado na extinción de incendios, pero ademais de axentes do medio tamén son unha especie de heroes para os máis cativos -e para os que non o son tanto-. Os alumnos do Ceip O Castiñeiro de Laza visitaron as instalacións da Brif situada no municipio.

“A visita foi moi interesante, ao ser algo que temos próximo, os cativos están coñecendo cousas do seu entorno detidamente, é algo positivo”, conta Ana Boo, profesora do centro. Así, foi unha xornada moi completa na que o persoal da Brif lles explicou aos nenos como se preparan e traballan día a día, amosando as diferenzas do seu traballo nos meses de verán aos meses de inverno. O momento máis ansiado polos cativos foi o convite a montar no helicóptero forestal e coñecer a aeronave dende dentro.

CONECTAR CO ENTORNO

Ademais, para conmemorar o mes da árbore, coa axuda dos técnicos forestais, os alumnos do colexio lazano fixeron unha pequena plantación ao carón das instalacións. Tras a despedida, os cativos finalizaron a xornada de saída cunha andaina polo monte, “seguindo cos nosos hábitos de vida saudable na natureza”, remarcan dende o centro.

“Esta actividade decidimos facela para conmemorar o día da árbore no mes de marzo e para que os alumnos coñezan o que os rodea”, engade a profesora, contenta co entusiasmo e motivación coa que viviron a xornada os nenos do colexio, os que, a través da interactividade, adquiriron coñecementos moi variados: dende como se apaga un incendio a como manexar un helicóptero, ademais de plantar unha árbore.

Contenido patrocinado

stats