INTERNACIONALIZACIÓN
La experta vitivinícola Beth Willard descubre bodegas de la D.O. Monterrei
ENTREVISTA
O seu apelido materno denota rapidamente a súa ligazón con Verín e Vilardevós, xa que Carlos Thiebaut é o neto do intelectual verinés Eloy Luis André. Este doutor en Filosofía, criado en Madrid, estará esta tarde no salón de actos de Verín, ás 19,30 horas, para falar sobre o seu avó na ponencia “Tras o lume: esquecementos e lembranzas”.
Falemos da súa xenealoxía, porque vostede nace en Madrid.
A miña nai, a filla maior de Eloy Luis André, xa nacera na capital, e casou alí. O meu avó Eloy era catedrático no Instituto de Madrid. Pero a rama paterna, o Thiebaut, vén de Xinzo. O meu bisavó era francés, e chegara a España no XIX a traballar no ferrocarril. Esa parte da familia é medio francesa, medio inglesa. Pero a miña alma está en moitas partes: en Galicia, en Vilardevós. E a que teño máis preto do corazón é a galega, aínda máis co paso dos anos.
Imaxino que non aprendería a falar galego en Madrid.
A miña familia falaba castelán, tamén a de Ourense. Pero todos os veráns ía a Vilardevós e xogaba cos nenos alí. Anos máis tarde, xa na vintena, alguén me falou en galego e, sen darme de conta, comeceino a falar. As miñas linguas de traballo son outras, pero cando estou en Vilardevós quero falar o galego, é o que me sae de dentro.
Como era contraste do Madrid dos anos 50 e 60 con Vilardevós?
Interesante, como voltar ao século XIX. Non había luz nin auga na casa cando eu era rapaz, tirabamos da fonte ou do pozo. A vida no rural era dura, Vilardevós non era unha vila rica, aínda que a nosa fora unha das familias máis acomodadas. Trabei relación coa familia de Rodolfo Núñez de las Cuevas, do que fun amigo persoal ata que finou este ano. Tiven relación cun coetáneo do meu avó, o escritor Silvio Santiago, cando volveu do exilio en Venezuela. Vilardevós está cheo de persoeiros interesantes, xa dende o poeta Manuel Núñez.
Cal foi a súa vinculación con Vilardevós ao longo da vida?
Volvíamos todos os veráns, para a colleita da pataca, dous meses polo menos ao anos. E cando casei ía coa miña muller e as dúas fillas, tamén no inverno. No Nadal, nas vacacións do curso, sempre fomos moito por alí e fixemos unha casa nova, onde vive a miña muller. Paso a vida no tren (ri). Galicia é terra de contrastes: ás veces está no século XVI, e outras no modernismo máis radical. Ten xeitos e costumes moi antigas, enxebres.
Que lembra do avó Eloy Luis André a través da familia?
A memoria do avó é mítica. Vivina a través da súa biblioteca, que ardeu o pasado setembro [un accidente cunha cheminea calcinou a casa familiar en Vilardevós]. A súa vida está feita tralo lume; primeiro ardeu a súa biblioteca de Madrid. Morreu no 1935, pero a casa quedou, e unha familia de refuxiados meteuse nela durante a guerra, e queimaron os mobles e a biblioteca para quentarse no inverno. O lume vai máis alá do metáforico: desapareceu o contexto histórico de Eloy, as súas relacións en Madrid e Galicia. Para min é un enigma a súa relación cos intelectuais galegas da Xeración Nós. Estaban emparentados ideoloxicamente, pero Eloy sempre estivo un pouco illado. Eloy sempre foi misterioso para min. De dolescente comecei a estudar a súa biblioteca, e dinme de conta de que faltaba moito do seu traballo. Era unha biblioteca de verán, chea de ocos, de baleiros. Eloy non só é unha figura non descoberta no ámbito público galego, tampouco era coñecido no ámbito familiar e da aldea.
Influiulle o seu avó na súa formación filosófica?
Pouco, eu entrei na Filosofía polo miña vida xuvenil, por un compoñente político de resistencia e loita contra a ditadura. Eloy era un personaxe moi complexo, moi decimonónico para o meu gusto. Eu fun un xoven marxista. Con Eloy había distancia, pero tamén cercanía: foi un demócrata republicano, e de seguro tería acabado no exilio. A tradición filosófica do país quebrouse coa guerra e coa ditadura. n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
INTERNACIONALIZACIÓN
La experta vitivinícola Beth Willard descubre bodegas de la D.O. Monterrei
RECORRIDO POR BODEGAS
Expertos vitivinícolas europeos descubren el territorio de la D.O. Monterrei
VISITA AO XACEMENTO
Os últimos achados do Castelo de Lobarzán, ao descuberto
EVENTO VITIVINÍCOLA
La D.O. Monterrei muestra sus vinos y teje sinergias en Tenerife
Lo último