Esther Estévez, pregonera da Feira: "O viño de Monterrei dime festa, amigos, verán, calor, Ourense"

Entrevista

Esther Estévez, pregoeira na edición de 2023 da Feira do Viño de Monterrei.
Esther Estévez, pregoeira na edición de 2023 da Feira do Viño de Monterrei.

Na televisiva Esther Estévez recae a lectura do pregón na décimo sexta edición da Feira do Viño de Monterrei. “Non, vergoña non creo que pase, pero dende logo que é unha responsabilidade grande”, subliña.

Que pensa cando llo propoñen?

Púxenme moi contenta, o feito de que che chamen do teu pobo para dar un pregón é o maior regalo que che poden facer, pero á vez sabes que tes que preparalo ben. Desde logo que é unha felicidade. Todo vai saír ben.

Que lle di a Feira do Viño de Monterrei?

Dime festa familiar, amigos, verán, calor, Ourense.

Teno a punto xa?

Propuxéronmo a metade de xullo e si, está case rematado, queda só o último retoque. Quero falar dende o papel dunha veciña que ten relación co viño, xa que case todos os que nacemos en Verín temos un contacto coa vendima. Dende pequena vin á miña familia vendimiar, aínda que non o fixese dunha forma profesional.

Canto lle ocupa? Xa o ten titulado?

Vai ser o segundo pregón que dou, o outro foi na Festa dá Dorna en Ribeira, por amizade. Non o titulei, pero redactei un texto. Vou ler para non ter que improvisar. Ocupa dúas páxinas, non é moi longo. Estamos na época das redes sociais e a xente o que quere é catar os viños canto antes. Do que se trata é de que quede contenta, cada cousa que me propoño procuro que salga o mellor posible, o agarimo da xente pesa moito.

Cal é a súa relación co viño?

Gústame o viño, máis o branco, aínda que non lle fago noxos a nada. A miña relación? Non son unha experta, teño a relación que calquera outra verinesa, boa. O feito de ser unha cara coñecida axuda, pero en Verín coñecémonos todos. Aínda que si é verdade que agora me coñecen máis.

É isto máis difícil que calquera programa do “Dígocho Eu”?

Na tele estou máis curtida, todo vai máis rápido, como con carrerilla. O pregón é outra cousa, aínda que o feito de ser de Verín facilítao moito.

A tele cambioulle a vida?

Ao principio pensaba que non ía ser así, máis que nada porque o bum do “Dígocho Eu” tivo lugar durante a pandemia. Cando a deixamos atrás atrás si que notei cando saía de festa que me recoñecía moita xente. Pero para nada deixei de facer unha vida normal, a xente trátame moi ben, é moi respectuosa.

Recibirá máis miradas…

Sí, míranme moito máis, e prefiro á xente que se achega a falarme que á que che sinala e cuchichea.

O éxito do “Dígocho Eu” é…

Demos no cravo non sabemos moi ben como, basta que o busques e non che sae. Simpatía? Home, a xente di ‘que salgada esa moza’. Non sei, vai co meu carácter, só tento transmitir proximidade e sobre todo que non o sei todo. Son unha galega máis, non son unha profesora.

Contenido patrocinado

stats