Entroido de Laza: “A primeira vez que puxen O Peliqueiro tiña 16 anos, é algo que se leva no sangue"

Entroido

Laureano Otero é un peliqueiro que leva o entroido no sangue. Vestiu o traxe dende os 16 ata os 60 anos e, aos seus 94 anos, non se perde ningún dos Domingos de "Estrea", os seus favoritos.

Laureano Otero Fernández "Lan".
Laureano Otero Fernández "Lan".

A vostede, o amor polos peliqueiros venlle da familia.

¡Si oh! O meu pai xa o tiña. Os peliqueiros aquí en Laza os houbo sempre, o que pasa é que se foron modificando. Os de antes non eran tan lujosos como os de agora.

Vostede é agora o máis veterano.

Dos que se vestiron, pois si.

Cantos anos levou o traxe?

Eu poñíao todos os anos. De feito, marchei para Barcelona uns dez anos e só me perdín un deles o Entroido. Eu sempre cambiaba as vacacións do verán para o inverno e así podía vir á festa. A primeira vez que puxen o Peliqueiro tiña 16 anos, e a última, 60.

Como recorda as súas andanzas co Peliqueiro?

Pois andabamos correndo pola Picota para arriba -di sinalando á praza-. Despois iamos polo pueblo e ás casas todas, aínda agora se fai. Contra a noite marchabamos a Vilameá e a Souteliño... e así.

Por que lle gustaba a vostede poñer o traxe?

Eu que sei. E que o levábamos no sangue. Agora o meu xenro o puxo este ano con 70 anos. Xuntáronse tres, un de Suíza, e así foi. Home xa non corren tanto... (rí).

En que se diferencia o Entroido de Laza ao resto dos Entroidos?

Pois que é diferente a todos. Totalmente diferente. Por exemplo o día do farrapo é distinto a todo. E iso que agora o modificaron un pouco, porque agora nas calles coma non hai donde coller o bulleiro -barro-traen unha bañeira e terra e forman aí unha que é de medo (ri).

O Entroido de Laza é o máis enxebre, entón.

Si. Ademais aquí o domingo o Entroido é dunha maneira, o luns é doutra...

E cal é o seu día favorito?

Para mín o domingo é o día máis bonito que hai. ¡Se hai máis de cen peliqueiros! Tamén se visten os pequeniños de todo e van buscar a bica cun carro.

Vostede continúa vindo á praza no Entroido?

¿Eu? eso non o perdo, mentres viva non deixarei de vir ver aos peliqueiros. Tamén me gusta moito cando se fai o reparto da bica. O luns hai moita máis xente, case non se pode entrar á Picota.

Contenido patrocinado

stats