Maite González: "A taxa de inserción laboral nos ciclos de FP duais é dun 97%"

ENTREVISTA

O IES García Barbón contará no curso 2023/2024 cun novo ciclo medio de FP dual de Aceites de Oliva e Viños

A profesora técnica de FP, Maite González.
A profesora técnica de FP, Maite González.

Maite González (Ourense, 1974) é a dinamizadora da relación coas empresas na Formación Dual do IES García Barbón. O centro ampliará para o curso 2023/2024 a súa oferta formativa con tres ciclos. O máis destacado: o FP Dual de Aceites de Oliva e Viños, debido ao auxe deste sector na comarca de Monterrei.

Por que apostan por esta formación?

Dende o IES García Barbón queremos atender ás necesidades das empresas da nosa contorna, de maneira que escoitando as peticións de moitas adegas en canto á falta de perfís profesionais formados neste sector e as dificultades cas que se encontran á hora de atopar man de obra cualificada, nos deu a posibilidade de formular este ciclo medio en modalidade dual dando resposta

desta maneira ás súas peticións, todo traballando da man da DO Monterrei. A oferta no centro increméntase tamén con outros dous novos ciclos duais: o superior de automoción e o ciclo superior de hixiene bucodental.

Que aprenderán os alumnos neste ciclo medio?

Durante os dous cursos académicos do ciclo medio o alumnado terá módulos formativos de elaboración de viños, doutras bebidas e derivados; extracción de aceites, materias primas e produtos na industria oleica e vinícola, operacións e control de almacén, seguridade e hixiene na manipulación de alimentos, análise sensorial, principios de mantemento electromecánico e venda e comercialización de produtos alimentarios.

Está a matrícula aberta?

Neste momento está aberto o prazo de matrícula ata o día 26 de xullo ás 13:00 horas, e temos un total de 22 prazas.

O FP dual combina teoría e práctica, é unha vantaxe?

En efecto, as vantaxes son moitas tanto para o alumnado como para as empresas que acollen a eses alumnos durante o seu proceso formativo. O alumnado entra en contacto co mundo real da empresa, participando activamente no proceso produtivo, recibe unha remuneración e cotiza á Seguridade Social, adquire experiencia laboral mellorando as súas posibilidades de inserción no mercado de traballo. Mentres, as empresas favorécense da dispoñibilidade de recursos humanos altamente cualificados, melloran a competitividade do tecido produtivo e favorecen o compromiso da empresa coa contorna, entre outras.

É doado saír deste tipo de ciclos con traballo?

Totalmente, os ciclos de FP na modalidade dual son unha gran ferramenta para garantir un emprego de calidade para o alumnado que os cursa, sendo a taxa de inserción laboral do 97%, pois moitos destes alumnos cando titulan xa son contratados pola empresa na que fixeron a formación práctica.

O instituto trata de coñecer o mercado laboral da comarca para adaptar a súa formación ás ofertas reais?

O IES García Barbón traballa conxuntamente cos axentes sociais da contorna para dar resposta na medida do posible as necesidades formativas das empresas, o obxectivo é deseñar e planificar unha oferta de formación profesional que dea resposta a rápida evolución do sector produtivo e á necesidade de contar con persoas coa capacitación adecuada para facer fronte ao importante relevo xeracional que se está producindo.

É importante a implicación das empresas co instituto?

É fundamental que se impliquen e colaboren co centro educativo, sen elas non sería posible levar a cabo os proxectos de FP en modalidade dual, gracias ás empresas se amplía a oferta educativa e a visualización na súa área de influencia, tamén gracias a elas o profesorado coñece as novidades e as tendencias das empresas, para transmitilas na aula ao alumnado, establecendo así fortes vínculos centro-empresa. n

Contenido patrocinado

stats