Manel Cráneo, artista de cómic: “Ós galegos fáltanos vendernos como fan os xaponeses e os americanos”

ENTREVISTA

Debuxante, ilustrador, editor e ata músico, Manel Cráneo estará en Monterrei presentando a súa nova novela gráfica, "Cinza", xunto co novelista Xavier Alcalá

O autor de “Cinza”, Manel Cráneo.
O autor de “Cinza”, Manel Cráneo.

O artista e emprendedor do cómic Manel Cráneo (A Coruña, 1973) estará en Monterrei o vindeiro xoves, 24 de outubro, para presentar e falar do proceso de creación de “Cinza”, a súa adaptación a novela gráfica do libro “A nosa cinza”, de Xavier Alcalá.

Cráneo estará acompañado polo propio Alcalá, no Hospital de Peregrinos da acrópole de Monterrei, ás 17,00 horas.

Como xurdiu adaptar a novela de Xavier Alcalá ao cómic?

Malia ser un clásico da literatura galega contemporánea, eu nunca lera “A nosa cinza”. E o Xavier, que é unha persoa cunha mente moi aberta, levaba tempo pensando que a novela se podería adaptar a outro medio. Parecíame complicado amosar graficamente o paso do tempo de moitos personaxes distintos, pero por sorte contaba coa axuda do autor, que aínda está vivito e coleando (ri). El asesoroume moito en todo o proceso creativo de pasar de novela a novela gráfica, para que houbera sintonía entre as dúas. Os que leron ambas afirman que “Cinza” reflicte moi ben o espírito da obra orixinal. O proceso tivo moito de arqueoloxía fotográfica, para plasmar a Ferrolterra dos 50 e 60, e tamén de recuperar a memoria histórica, que é algo que sempre me move.

Ten un perfil multidisciplinar que abruma, case inabordable.

A banda deseñada ocupa o meu tempo, fago moitas cousas como ilustrador e fundei Demo Editorial. Cando vexo o traballo de alguén que me gusta, cústame menos promocionalos que a min mesmo (ri). Pero non podo vivir sen música, toco a guitarra tódolos días. Pasei por grupos de punk, rock, de música alternativa. Pero agora xa só compoño para o audiovisual ou documentais.

Por que o cómic sempre loita por ser tomado en serio?

Chámese cómic, novela gráfica, banda deseñada, tebeo, historieta, o importante é que o medio estea dignificado como o está a literatura clásica. E penso que niso temos avanzado moito. Cando era rapaz, os tebeos eran para os nenos, pero agora é un medio literario para tódalas idades e temáticas. Se cadra máis para os adultos que para a xente nova, onde competimos contra os videoxogos, redes sociais, novas plataformas, e o feito de que os adolescentes deixan de ler. E en Galicia e tamén en España estamos perdendo a identidade. Hai rapaces que saben moito de manga (cómic xaponés), pero non saben quen son Miguelanxo Prado, David Rubín ou Emma Ríos.

Que se pode facer coas últimas estatísticas do uso da lingua?

É duro ver que o teu público obxectivo está a desaparecer, pero é que non traballamos a nosa identidade. Vexo que a mocidade alucina co Xapón e as súas lendas, pero se exportásemos as nosas historias, para os xaponeses serían fascinantes. En Galicia temos moitos temas universais por explotar. Temos que presumir do noso e exportar cultura propia, como fan eles ou os americanos. Pero a base do problema co galego está no sistema educativo.

Contenido patrocinado

stats