LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo, el 79432

Samanta Barreira, concelleira de Cultura en Verín: “Falar galego non debería ser un acto de rebeldía”

17 DE MAIO

Nos últimos anos, o Concello de Verín vén tecendo unha vibrante escena cultural, ademais de ter apostado por certames xa ben establecidos (coma o Festival de Curtas ou as Xornadas de Novela Negra)

A concelleira de Cultura de Verín, Samanta Barreira.
A concelleira de Cultura de Verín, Samanta Barreira.

Por todo isto, a proposta multidisciplinar da Concellaría de Cultura co gallo do 17 de maio, nomeada “Semana das Letras Galegas”, semella un paso lóxico na mesma dirección. Para sabermos máis sobre estes próximos eventos, falamos coa concelleira de Cultura, Turismo, Festexos e Conservatorio, a nacionalista Samanta Barreira, coa que tamén debatemos sobre a situación da lingua galega.

Ao longo da historia, o Día das Letras Galegas unicamente se lle adicou a seis mulleres. Pensa que cambiará esta tendencia no século XXI?

Agardo que si. A historia moitas veces foi inxusta coa figura das mulleres e o noso papel nela, xa que fomos invisibilizadas moitas veces. Creo que se levan dado grandes pasos, e estamos apenas no inicio. Sinto que é necesario que isto cambie, por xustiza e por ter un puzle completo da nosa historia e da nosa identidade. E ese puzle non está completo sen nós. Con todo, son optimista e coido que imos no bo camiño.

As voces máis críticas coas Letras Galegas argumentan que o galego non precisa dun día festivo, senón de visibilidade os 365 días do ano. Que opina sobre isto?

Non son cousas incompatibles. É certo que non nos podemos manter ao marxe disto ningún día do ano. Pero tamén é importante ter un día no que se visibilice o noso idioma e todo o traballo que se fai arredor del. A realidade da lingua galega é moi dispar: cambia dun territorio a outro, dunha xeración a outra. Por iso todo o que se faga en prol de achegar o idioma, creo que sempre vai ser positivo. Non sinto un conflicto con que haxa un día adicado ás nosas letras, penso que hai un conflicto coa lingua galega, que é distinto.

Este vai ser o primeiro 17 de maio dende que asumiu Cultura. Que plan seguiron para crear esta programación?

Partimos da premisa de que era fundamental para nós ampliar o concepto de “letras” máis alá da literatura e da palabra escrita. E síntome orgullosa do resultado final, xa que fixemos unha programación con moito agarimo. Foi algo moi buscado, moi pensado. No noso país hai unha oferta cultural moi variada, pero nesta ocasión buscabamos actividades ou disciplinas culturais que tiveran un nexo verbetrador. Por iso quixemos que todas se entrelazaran coa figura de Luísa Villalta.

En que outras medidas traballa o Concello ao longo do ano para evitar o esmorecemento do uso do galego, tal e como amosan as estatísticas?

Dende o Concello de Verín cremos firmemente en que o galego é a nosa lingua, e que hai cousas da nosa realidade que só se poden expresar nela. Dende a programación cultural apostamos por actividades que poñan en valor a nosa identidade galega, e tamén polas figuras locais. Todos aqueles que nos precederon, e que o fixeron en galego.

Verín xa conta con varios certames anuais. Teñen en mente algunha nova creación?

Sempre estamos traballando nesa dirección. E máis alá de que sexan festivais fixos ou non, cremos que a actividade cultural ten que medrar e ampliarse en canto a oferta.

Contenido patrocinado

stats