Eva Barrio: “Traballarei co fin de introducir a Riós nos desafíos do século XXI"

2022042307180541281
2022042307180541281

Eva Barrio será, dende hoxe, a nova alcaldesa de Riós. Tras a renuncia de Francisco Veiga en pleno -tras case 30 anos ao fronte do Concello-, a enxeñeira afronta novos retos cun claro obxectivo: estar ao servizo dos seus veciños. Eva naceu no estranxeiro pero é orixinaria do Navallo e actualmente é funcionaria da Deputación de Ourense.

Como asume esta nova etapa?

Con moita ilusión. Vou servir aos meus veciños e veciñas. É un cargo que me fai estar en contacto coa miña terra, coa miña xente e que me dá a oportunidade de facer dela un lugar mellor no que vivir.

O Concello non é algo novo para vostede…

Efectivamente, levo cinco lexislaturas de concelleira, pertencendo ás filas do Partido Popular e colaborando nas vitorias obtidas nestes anos, a todos os niveis: local, autonómico, estatal…

Seguirá as liñas de Veiga?

O mesmo que o anterior alcalde, intentarei facer o mellor para o pobo, aínda que, como é lóxico, haberá trazos que nos diferencien. Somos persoas distintas, pero é certo que coincidimos no máis fundamental: ambos os dous sempre pensaremos no benestar da poboación.

Veiga leva case 30 anos ao fronte do Concello, supón presión?

Por suposto, moita! 30 anos é unha vida, como superala? Durante eses anos el viviu dedicado, exclusivamente, a traballar polo Riós. Francisco Armando colleu un Riós con grandes deficiencias e converteuno no Riós moderno de hoxe, dotado de todos os servizos.

Vexo que aplaude o seu traballo…

Si, máis alá diso, Francisco é e será sempre, ante todo, unha boa persoa, sen rencores e disposto a servir a toda a cidadanía sen distinción de ningún tipo.

Como entende vostede a política?

Como un acto de servizo e xenerosidade cara a sociedade. Nestes tempos nos que a política, e sobre todo os políticos, están tan denostados, quero seguir pensando que é unha actividade desinteresada e nobre.

Tras tomar posesión, que retos ten por diante?

De entrada, tomar as rendas do Concello sen presa, pero sen pausa. Teño que conservar e mellorar o que hai e traballarei co fin de introducir a Riós nos desafíos do século XXI, tratando de mellorar os “hándicaps” que teñen todos os concellos: demografía, economía, potenciando as fortalezas que temos e aproveitando os recursos.

Tamén terá que coñecer aos colectivos do Riós…

Claro, de feito o primeiro que vou facer é establecer un contacto directo con todos os veciños, quero coñecelos persoalmente e que me conten de primeira man as súas inquedanzas. Para iso é para o que teño que estar ante todo.

Cal é a súa meta?

Deixar un Riós mellor que o que me atopo e preparar as seguintes xeracións para que no seu momento asuman as responsabilidades, xa que nas miñas ambicións non está perpetuarme no cargo.

Que é para vostede Riós?

A miña terra. Non hai expresión máis bonita e tan chea de significado para calquera galego coma esta. Con moitas cualidades como as súas xentes, a súa beleza natural, as boas comunicacións, limítrofe con Portugal…

Contenido patrocinado

stats