“Os que na ESO acumulan fracasos, na FP básica pódense reenganchar"
Los retos de la educación | Entrevista
A actual xefa do departamento de Orientación Educativa do IES O Couto afronta "con moita ilusión" unha nova etapa
A actual xefa do departamento de Orientación Educativa do IES O Couto afronta "con moita ilusión" unha nova etapa tras 18 anos no IES Vilamarín. Sonia Ferro (46 anos, Bentraces) foi unha das ponentes das Xornadas de formación en orientación vocacional e profesional que a Consellería de Educación organizou para orientadores esta semana.
Sonia Ferro estivo acompañada de mestres que estiveron o curso pasado con ela en Vilamarín e foron partícipes do éxito co alumnos de FP Básica. "Ten mérito, porque era profesorado que daba por primeira vez FP Básica, eran docentes provisionais e ese mesmo ano tiñan o exame de oposición. Reunían todos os requisitos para tirar a toalla...
Por que se acadou ese éxito?
No IES Vilamarín logramos facer o ano pasado unha intervención diferente con alumnos de FP Básica. De 16 alumnos de 2º, 14 está xa nos ciclos medios. Este é alumnado que normalmente non quitou a ESO e con traxectorias de fracaso escolar. O reto é reenganchalos e facer que se sintan motivados. E conseguimos que sigan en ciclos medios de hostelería, servizos...
Como os reenganchamos?
A FP é unha etapa postobrigatoria, e os de ciclos medios e superiores normalmente están estudando o que eles queren. Pero a FP Básica non é tanto así. Son alumnos que nalgúns casos aínda teñen 15 anos cando a empezan e están en periodo de escolarización obrigatoria. Só necesitas cambiar pequenas cousas para ter resultados distintos. Fixemos unha táboa periódica con códigos QR que contiñan información buscada polo alumnado. E chegamos á conclusión de que ese sistema era mellor que ter que memorizar. Non fixemos cousas complicadas. É cuestión de vontade e de creatividade.
É un erro dar por perdido a un alumno?
O que demanda este tipo de alumnado é atención, igual ca calquera ser humano. Aseméllanse en parte ao alumnado de altas capacidades, porque ao non seguir o itinerario prototipo, necesitan unha resposta adaptada. Cando ao alumno se lles dá a posibilidade de mostrar do que é capaz, rompe moitos prexuízos. Por exemplo, un dos profesores, o ano pasado, levounos ao Campionato de Skills de FP, pero para xestionar a cafetería. O alumnado de FP Básica non adoita facer estas actividades, xorde o medo a que se poidan portar mal. Pero, cando confías neles tras un tempo traballado... alí estiveron, impecables,. É cuestión de dar oportunidades.
Como se recomenda ir cara á FP Básica e non abandonar todo?
O alumnado de FP Básica é un grupo ao que o ciclo da ESO non se axusta ao que piden. Ás veces están dando coa cabeza contra unha parede e van acumulando fracaso tras fracaso. Como lles entras coa FP Básica? Apelando á parte práctica. Á parte de Matemáticas ou Lingua, terán módulos de perruquería, cociña... segundo a rama. Ao alumnado explícasllo e adoita entendelo. As familias non contemplan a posibilidade de que se poñan a traballar aínda.
A FP en xeral segue considerándose inferior?
Ata agora estaba nun centro só de FP, e a xente non tiña esa percepción. Agora, si que vexo que ás familias lles custa algo máis aceptar que ese é un camiño tan digno e, nalgúns casos, moito máis motivador. Hai que buscar o que a cada un lle fai feliz. Creo que pode haber a percepción de que a FP é menos só en xente que non está informada, pero están cambiando certos prexuízos. Hai xente que remata Bacharelato e decide facer un ciclo superior porque a opción universitaria non é a que máis o satisface.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
BAJÓN EN EL COMERCIO EXTERIOR
El caos arancelario de Trump le cuesta seis millones al comercio ourensano en exportaciones
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 4 de marzo
FUTSAL FEMENINO
El Ourense Ontime queda sin final de la Copa Galicia (1-4)
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 4 de marzo