Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente: "Ourense non pode seguir así, o PXOM debe ser viable"

Entrevista en profundidade a Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda da Xunta de Galicia e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

LAURA VÁZQUEZ / ISAAC CRUZ

Publicado: 06 ago 2023 - 05:05 Actualizado: 06 ago 2023 - 18:31

Café de Redacción coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou as instalacións de La Región, Telemiño e Atlántico Diario para comentar diversos temas de actualidade que afectan a provincia de Ourense e a cidade de Vigo.

Falamos do programa Rexurbe. Que oportunidade perde a cidade de Ourense nese sentido?

Agardo que, agora que xa estamos asentados dende o punto de vista municipal, Ourense non perda esa oportunidade. Porémosnos en contacto co equipo de goberno, co alcalde, para explicarlle unha vez máis que é imprescindible. Xa estamos acometendo actuacións, temos seis inmobles mercados no casco histórico. Ímolos rehabilitar para vivenda pública. Pediremos a licencia, e estou segura de que a van priorizar. Ourense ten un casco histórico envidiable, pero hai moita inversión que temos que acometer. Acabamos de concederlle 2 millóns de euros ó Concello para que siga rehabilitando, pero hai que facer un estudo, unha delimitación. A ver que facemos con eses baixos comerciais. Igual temos que convertelos en vivenda. Hai solicitudes para vivendas sobre todo para menores de 35 anos. Hai que darlles posibilidades e accesibilidade. Hai xente maior que igual quere volver aos cascos históricos. Temos que darlles posibilidades, non podemos deixalos por que non teñan un ascensor ou salvaescaleiras.

Plan Rexurbe: “ Porémosnos en contacto co equipo de goberno, co alcalde, para explicarlle unha vez máis que é imprescindible”

Outros dos plans Rexurbe é o de Ribadavia, que despois de catro anos non rexistra moitos avances. Que está a suceder?

Non deberiamos ligar a parte ideolóxica co desenvolvemento dunha vila ou dunha cidade. Neste caso temos 12 inmobles, pero o equipo de goberno que houbo non lle deu importancia, ou simplemente decidiu estancalo. Cambiaron as cousas. Xa estamos traballando, e eu agardo que este mesmo ano xa se vexa unha das rehabilitacións. En Ribadavia hai que darlle un impulso ó casco histórico. Son moitas as vivendas deshabitadas, pero estou convencida de que coa rehabilitación das mesmas haberá mozos que decidan ir vivir a Ribadavia. Aparte, damos novos servizos. Hai unha oficina con persoal especializado que pode informar á cidadanía, non só sobre as axudas que temos no casco histórico, senón de eficiencia enerxética, accesibilidade, fermosismo…

Manterá o Goberno autonómico as liñas de axuda para rehabilitación tamén a particulares?

Sen dúbida. Queremos seguir construindo fogares, porque iso é seguir construíndo calidade de vida. Temos un amplo abano e continuaremos con el no ano 2024. O ano 2023 foi espléndido, esgotamos todos os créditos. É máis, tivemos que incrementar créditos. Tiveron moi bo acollemento todas aquelas axudas destinadas a xovenes en concellos de menos de 10.000 habitantes. Están en vigor as axudas para mercar en cascos históricos, sen esquecer as axudas para eficiencia enerxética. É calidade de vida, pero por outro lado, tamén é aforro.

Solo industrial: "Queremos construír un gran cordón industrial arredor de Ourense"

Sobre solo industrial, en que estado se atopa a ampliación do Polígono de San Cibrao?

Queremos construír un gran cordón industrial arredor de Ourense. Temos por un lado San Cibrao, a licitación da urbanización verá a luz este mesmo ano, cando o Concello aprobe definitivamente a modificación puntual que tiñamos en marcha. Tamén Paderne de Allariz. Aí dispoñemos de máis dun millón de metros cadrados. Temos en licitación o plan estruturante, porque queremos simplificar. Sacamos adiante a Lei de Áreas Empresariais, que nos permite facer unha estrutura do espazo e adaptarnos ás necesidades das empresas. Iremos urbanizando en función da demanda existente.

O polígono de San Cibrao demanda ó Estado unha estación ferroviaria de mercadorías. A Xunta apoia esa iniciativa?

Sen dúbida. Ben é certo que hai competencias que están distribuídas. Agora estamos coma nun impás que fai que non se avance por parte do Goberno central. Agardamos que, canto antes, vexa a luz o novo Goberno e nos poñamos a traballar. Se alguén temos que mimar, sen dúbida, é aos empresarios, que son os que dan os postos de traballo que despois repercuten tamén na política social que impulsa o Goberno galego.

Parques eólicos: "O que fixo a Xunta a través da Consellería de Medio Ambiente foi ofrecer unha total transparencia"

Un dos temas que están sendo polémicos ultimamente é o desenvolvemento de parques eólicos na provincia. Varios grupos ecoloxistas están recorrendo as autorizacións. Cal é a situación actualmente?

O que fixo a Xunta a través da Consellería de Medio Ambiente foi ofrecer unha total transparencia. Deuse a coñecer o número de promotores que nos solicitan parques. Preto dun 50% foi informado desfavorablemente porque non cumprían coas condicións da avaliación ambiental. Hai grupos ecoloxistas, e incluso algún grupo político, que non está de acordo. Chámame moito a atención, porque estamos nun momento de transición. Temos que ir cara unha enerxía limpia, unha enerxía verde. Gustaríame que o Tribunal Supremo puxese as cousas claras, porque non se pode poñer en entredito o traballo de grandes profesionais que se esmeran arreo. Cando hai recursos de certas entidades ecoloxistas, veñen con membrete do Ministerio de Transición Ecolóxica. Non entendemos moi ben que está pasando. Galicia loitou para que houbera transparencia, frente a outros grupos políticos como o BNG, que votou a favor dun real decreto para que non houbera exposición nin participación pública nos proxectos eólicos. Despois recuou, pero nun principio votou a favor co PSOE.

Control do lobo: "A biodiversidade é ter lobo, pero tamén cachenas, cabalo galego, lebre, coello… Non podemos ter máis lobos que gandeiros"

Falando das nosas especies, hai polémica ou non hai polémica co tema do lobo?

Hai polémica, e non debería de habela. A biodiversidade é ter lobo, pero tamén cachenas, cabalo galego, lebre, coello… É o díficil equilibrio que se fixo ben Galicia. Ata que o Ministerio decidiu que o lobo formara parte do listado Lespre coma se fose unha especie en perigo de extinción, o que faciamos era xestionar o lobo. Galicia non cazaba lobos, xestionaba lobos. Agora non podemos actuar, pero tampouco temos solucións. O Ministerio dixo que se lles daría recursos ás comunidades. A Galicia pertenciánlle 4,5 millóns de euros que se nos negaron, por non dicir que se nos roubaron. Recurrimos, estou convencida de que imos gañar e de que os galegos van ter os fondos que lles pertencen. Sendo unha das comunidades con máis lobos, non ten sentido que non teñamos eses recursos. Puxemos en marcha unha nova axuda de ata 18.000 euros para contratación de pastores, no Consello da Xunta incrementamos os fondos e todas aquelas solicitudes que tivemos, concedémolas. Non podemos ter máis lobos que gandeiros. Demostramos que o número de manadas vai a máis, non diminúe. O Miteco mentiu e trasladou un informe que supoño, ou quero crer, que é un erro.

Na Gudiña hai un parque solar en tramitación estatal. Ve potencial nesta enerxía?

É unha alternativa máis. Cando se elixiu A Gudiña é porque hai un informe que acredita que é viable. Nós fixemos informes, e neses informes puxemos unha serie de condicións. Esa é unha zona onde hai algunha especie protexida. Non estamos na zona crítica de voo da aguia, pero si poderían chegar ata aí. Son alternativas que hai que explorar, dende o punto de vista de impacto paisaxístico tamén fixemos as nosas esixencias. Non crean que o Miteco obedece en exceso as recomendacións que facemos as comunidades.

Ourense continúa cun PXOM dos anos 80. Ve viable aprobar un novo neste mandato?

Chega un momento en que a sensatez ten que imperar. O PXOM debe ser viable, polo ben de Ourense, que non pode seguir nesta situación. Os políticos temos que deixar a un lado certas cousas e velar polo futuro da nosa cidade. Comprométome a poñer a disposición todo o saber da Dirección Xeral de Urbanismo para que o planeamento de Ourense, que ía ben encamiñado pero que se tornou, vexa a luz; e que nesta lexislatura, porque neste ano é imposible, Ourense teña plan xeral.

Volverá optar a Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade?

Estamos nun momento espléndido dende un punto de vista de carácter medioambiental, de turismo sostible… Conquerimos algo fundamental, que fose declarada Reserva da Biosfera. Fixémolo con matrícula de honra, competíamos con outras moitas. Ao final, saíu a Ribeira Sacra. Agora hai que ser Patrimonio da Humanidade. E aquí si que non hai diferenzas, imos todos a unísono, nunha mesma liña: as deputacións, os concellos e Galicia en si. Non é fácil conseguir que un espazo sexa declarado Patrimonio da Humanidade, pero ímolo conseguir.

Vostede foi unha das primeiras persoas en visitar Valdeorras tralo tráxico incendio do ano pasado. A Consellería segue a evolución da zona?

O ano pasado, efectivamente, foi dramático. Moitas vivendas foron calcinadas por incendios, e a xente quedou sen vivenda. Puxémonos a traballar e nun mes tiñamos os recursos necesarios para que puideran rehabilitar e reconstruír esas vivendas, e agora mesmo xa están reconstruíndo parte desas vivendas. Estivemos ó carón dos concellos para facer os desescombros necesarios. Agardamos que non volva suceder. O esforzo que fai a Xunta de Galicia en prevención contra incendios, en ter profesionais… Non o fai outra comunidade. Aínda queda moito verán, pero eu estou convencida de que cada vez o galego está máis concienciado. Perséguese máis ao incendiarios, temos máis cámaras ubicadas estratexicamente. Hai moitísima prevención e eu agardo que este sexa un verán tranquilo.

Contenido patrocinado

stats