Antonio Rey Soto

Auriabella

Ademais de poeta foi estudoso de variados temas, relacionados con Galicia

Retrato de Rey Soto aparecido en "Poemas en galego de Antonio Rey Soto. 1879-1979". "Publicaciones del Monasterio de Poyo", nº 29.
Retrato de Rey Soto aparecido en "Poemas en galego de Antonio Rey Soto. 1879-1979". "Publicaciones del Monasterio de Poyo", nº 29.

Antonio Rey Soto foi un dos grandes escritores ourensans, especialmente na poesía da primeira metade do século XX. Naceu o 18 de febreiro de 1879 no pazo de Ramirás, lugar de Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense. Morreu en Madrid o 20 de febreiro de 1966. Está enterrado no mosteiro mercedario de Poio, Pontevedra.

Estudou no Instituto ourensán ata os 14 anos, que entrou no Seminario de Ourense onde se ordeou como crego. Con posterioridade completou a súa formación nas universidades de Santiago e Madrid. Algúns afirman que na década dos anos 20 do século XX foi chamado “o poeta de Galicia”, ainda que este título déronllo a Ramón Cabanillas, compañeiro seu de ingreso na Real Academia Galega.

Residiu dez anos en América: en Cuba, primeiro, e en Guatemala, despois. En ambas sentiuse como en terra propia. Na Universidade de Guatemala rexentou a cátedra de Literatura.

Foi, en Ourense, capelán da familia Santamaría Temes, que o tivo sempre como se fora un fillo. Soubo corresponderlles co seu agarimo, dunha maneira particular ós familiares da marquesa de Atalaya Bermeja e demáis amigos. Era habitual velo na casa pacega situada no número 17 da rúa San Domingos. Foi confesor da marquesa ó mesmo tempo que o era da Fundación creada por ela no barrio ourensán do Couto, nun edificio neogótico do que foi arquitecto Vázquez Gulías e estivo asesorada artísticamente por don Marcelo Macías e o catedrático de debuxo, o asturiano Jesús Soria.

Rey Soto, ademais de poeta, foi un estudoso dos máis variados temas, principalmente relacionados con Galicia. Adquiriu a sona de bibliófilo ó ir creando durante a súa vida unha biblioteca rica en libros sobre a terra, pero completada por outros temas distintos que reunira na casa número 1 (antigo 3) da praza do Trigo, que morou durante décadas, casa da familia de longo aboengo, os Temes. Non foi raro que vivira nela dado que a marquesa de Atalaya Bermeja casara con Isidoro Temes, un dos seus propietarios. Ramón Otero Pedrayo, no seu libro “Ourense”, en relación con este tema (tanto de Rey Soto, da súa biblioteca e da praza ourensá do Trigo), díxonos:

“El frente de soportales del Naciente de la plaza de Fonte Nova (do Trigo), se continúa en la misma línea, salvo un pequeño pasadizo a San Pedro, en la calle de Cisneros. Es grave y bella –arcos claros, un solo nivel con balcón y ventanas de nobles hierros, mansardas muy decorativas- una de las casas, de los Temes. En ella estuvo alojada muchos años y en ella se inició y formó la riquísima biblioteca, de tema esencialmente gallego, rica en únicas y raras ediciones, artísticamente encuadernadas, del escritor y clérigo don Antonio Rey Soto (…) Por disposición suya, la biblioteca es propiedad del convento de San Salvador de Poyo, Orden de la Merced, en cuyo claustro reposa el fundador”.

Certamente, doouna ó mosteiro mercedario de Poio en 1957, cando ingresa nel como irmán maior. A razón do expresado por Otero Pedrayo en relación co traslado da súa biblioteca é que Rey Soto considerou que Ourense non tratou á marquesa co esmero que ela merecía.

Rey Soto é considerado un dos poetas galegos de carácter modernista máis avaliados e ubicado á mesma altura de Ramón María Valle-Inclán, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Xavier Bóveda e Goi de Silva. Claro exemplo disto é a poesía titulada “Amor que vence al amor”, peza situada no cumio do teatro poético moderno, estreada o 12 de febreiro de 1917 no teatro Rosalía de Castro da Coruña, acadando boas críticas en Madrid e Barcelona, dándolle xusta sona de dramaturgo. Outra peza teatral de éxito, na que amososu forza dramática, é a traxedia galega titulada “Cuento del lar”, que estreou no teatro Odeón de Madrid, o 7 de marzo de 1918.

Carballo Calero considera a produción galega do crego de Santa Cruz de Arrabaldo moi escasa, vendo o tomo primeiro das obras completas de Rey Soto no que se inclúe a súa obra poética e outros títulos. Do libro "Falenas" considera que a composición “Ó Mosteiro de San Esteban de Ribas de Sil” é unha clara defensa do réxime antigo contra o progreso que supón a chegada do tren que tanto defendeu Curros Enríquez. Esta postura anti Curros amosouse tamen na súa obra titulada “O pazo”, na que demostra a súa postura contraria á currosiana “O último fidalgo”. Homenaxeou a inauguración do monumento adicado a Rosalía de Castro na compostelana Ferradura co madrigal titulado “O nome”. En 1949 fixo unha tradución da sátira IV do libro II de Horacio que titulou “Escola de larpeiros”; tamén fixo a tradución dun dístico de Lord Byron coa poesía titulada “A máis funesta saeta”. Tamén débense citar “O vento”, “Never more” e o “Cantar de amigo” que apesar do título non ten nada que ver cos cancioneiros medievais.

O seu primeiro libro, “Falenas”, foille publicado cando ainda era alumno de Teoloxía, no ano 1905. Couceiro Freijomil, no seu texto “El idioma gallego”, tamén destaca a poesía “O mosteiro de San Esteban de Ribas de Sil”, e laia que deixara a súa produción en galego ainda que considera: “Abandonou o cultivo das letras galegas para producir unha admirable labor en castelán, ben coñecida e xustamente avaliada”.

Antonio Rey Soto viu inseridas as súas poesías, artigos e traballos no Boletín da Comisión de Monumentos da Provincia de Ourense, en El Eco de Orense y en Piave.

A Revista Estudios, de Madrid, publicou as súas "Obras completas" na colección titulada “Publicaciones del Monasterio de Poio”, recollidas en catro tomos: obra poética (tomo 1º), obra teatral (tomo 2º), obras en prosa (tomo 3º) e período hispanoamericano (tomo 4º). Co gallo da celebración do centenario do nacemento de Antonio Rey Soto, en 1979, e baixo o número 29 de “Publicaciones del Monasterio de Poyo” publicouse o libro titulado “Poemas en Galego 1879 – 1979”, impreso en “Artes Gráficas Galicia S.A.”. Vigo, 1979.

Contenido patrocinado

stats