Ánxela Soto: "As enfermeiras temos que loitar para que a profesión se dignifique"

Ánxela Soto, enfermeira ourensá finalista da edición “En la piel de la enfermera”

2024042821160012397
2024042821160012397

A enfermeira ourensá, Ánxela Soto, comezará en maio a especialidade en Enfermería Familiar e Comunitaria. Por isto mesmo ten como expectativa investigar procedementos que melloren os tratamentos dos pacientes. Neste caso, foi finalista da bolsa “En la piel de la enfermera” pola súa investigación de feridas crónicas e complexas mediante a ferramenta de desbridamiento mecánico (EZ-Debride) guiada por imaxes de fluorescencia a través do dispositivo MolecuLight. A profesional sanitaria tamén aproveitou para indicar que a profesión “ten moito polo que loitar para que sexa dignificada como merece”.

Que significa para vostede acadar ser finalista?

Foi unha satisfacción e un orgullo xa que este tipo de bolsa animan a investigación na enfermería e a dignificar a nosa profesión, como debe ser. Participaron 30 proxectos de toda España e fomos finalistas tres persoas. Para min é gozoso saber que existen cada vez máis proxectos onde se dignifique a enfermería e promocionar esa función da enfermeira, que se ten esquecida, como é a investigación. Isto é un estímulo para que a enfermería avance como profesión.

Que querías destacar na túa investigación?

O meu proxecto ía sobre feridas crónicas. A pesar de que hai grandes avances nos tratamentos, hai un estancamento no proceso de cicatrización de feridas de esta índole. Eu quería avaliar unha ferramenta de desbridamento que é o EZ-Debride guiado por imaxes de fluorescencia, con outro dispositivo innovador, chamado MolecuLight. Este dispositivo non é invasivo e permite ver en tempo real a carga bacteriana das feridas. Isto permite localizar as mellores zonas para realizar o desbridamento ou eliminación de tecidos necróticos ou inviables. O estudo amosou que este tipo de ferramentas permite eliminar ese tecido sen molestia para os pacientes e acadando resultados similares ao desbridamento cortante que é o máis excelente dos desbridamentos.

De onde xurde a idea?

Vou comezar o EIR en Enfermería Familiar e Comunitaria e quería realizar unha investigación que logo se puidera aplicar o máximo posible á realidade cos pacientes.

A partir deste estudo cree que se poderían implantar melloras nesta área?

Non, farían falta moitos recursos económicos para adquirir os materiais e formación. Por iso era moi importante haber gañado a bolsa, para conseguir fondos. Pero volverei presentar o proxecto a novas axudas.

Entón ten como expectativa axudar á enfermería comunitaria a mellorar nas carencias que posúa?

Decidín facer esta especialidade xa que me parece a máis completa e a que implica unha formación constante, pero ten moitas necesidades. A enfermería acompaña dende o nacemento ata os procesos finais da vida e si que me gustaría trasladar o proxecto á practica comunitaria, pero de momento aínda vou aprender como se fora unha alumna.

Que tipo de necesidades ten agora a enfermería?

Eu acabei enfermería no 2014 e ata o 2016 non empecei a traballar, xa que non había traballo. Do 2016 ao 2022 estiven con contratos precarios de un día, algunhas semanas, en diferentes servizos. Hai moita precariedade, non te sintes nada valorada. No 2022 fixen á oposición do Sergas e obtiven algo de estabilidade e, aproveitando que teño os coñecementos frescos, decidín apostar por facer a especialidade. Hai que loitar moito para que a profesión se dignifique.

Onde se debería de partir para facer esa mellora?

Agora mesmo xa que se cambie a denominación de Escola a Facultade é un grande avance. Tamén que se produzan másteres propios da carreira de enfermería e doutoramentos vai supor un avance moi importante como profesión. Dende este punto, vanse poder facer procesos selectivos de profesional investigador, de forma transparente, e vaise contratar a persoal que cumpra os requisitos pertinentes. Nós como enfermeiras temos que seguir reclamando que nos recoñezan como nivel A1 nas oposicións. Ata agora nos consideran como profesionais A2 e, de conseguilo, nos axudará a empoderarnos. Xa se víu como na pandemia somos imprescindibles para a atención do paciente.

Contenido patrocinado

stats