Félix Rubial: “O cribado busca aos asintomáticos para evitar máis contaxios"

Publicado: 29 ago 2020 - 07:00 Actualizado: 29 ago 2020 - 13:45

2020082822452269232
2020082822452269232

A área sanitaria de Ourense roza xa os 300 casos de covid, unha cifra que non se repetía dende as primeiras semanas do mes de maio. "Ata agora vemos que as cifras de hospitalizados non se corresponden co que ocorría na primeira vaga", sinala Félix Rubial, xerente do CHUO. Preocupa a situación de parte do barrio de Mariñamansa da cidade –onde se detectou un agromo social–, pero Rubial aclara: "Non estamos alarmados, estamos preocupados e actuando de maneira preventiva".

O agromo en Mariñamansa é un exemplo de que as cousas se están a facer mal?

O único que sabemos é que hai unha concentración atípica de positivos nun determinado territorio de Mariñamansa. En calquera caso, non me gusta culpabilizar ás vítimas, eu non buscaría responsabilidades, o que hai que buscar é máis casos, que é o que estamos a facer. As medidas de prevención deben ser universais para todos.

O cribado busca asintomáticos, sobre todo.

Imos buscar a esa xente que non ten clínica pero si está infectada e, polo tanto, son o vector perfecto da enfermidade no seu entorno familiar, social e laboral. As persoas con síntomas xa van ir ao seu médico, xa van entrar no sistema.

O barrido é aleatorio?

Con vivir na zona non é suficiente, porque estamos buscando persoas que teñan tido interacción no barrio, que teñan certa actividade social no barrio, nos locais.Trátase de acotar un determinado territorio e quedarnos tranquilos, ou non, en función do resultado. Polo menos saber cal é a realidade dunha maneira explícita e poder atallar a posible transmisión do virus.

Por qué se tomou esta medida?

Consideramos que pola tipoloxía de persoas e de locais da zona tiñamos que atallar a situación dos veciños que van a compra, aos comercios, dos traballadores dos establecementos... Todo depende da tipoloxía dos gromos nos que queiras profundizar, aquí, no momento no que detectamos que os positivos non eran das mesmas familias, que había trasmisión na comunidade e que a media de idade é alta, decidimos actuar.

Canto se estenderán as probas?

Está previsto que se faga nestes tres días (dende o venres), pero non é descartable que se amplíe, imos ver como se desenvolven os acontecementos e en función diso tomar novas decisións. Si os resultados son moi maioritaria negativos, quedaremos coa tranquilidade de que o gromo está acoutado, aínda que cremos que non o está.

Existe certa alarma no barrio...

Nós non estamos alarmados nin queremos alarmar, isto non é unha situación de alarma. É moi aparatoso o que estamos facendo, a xente está preocupada, loxicamente, nós tamén, pero todo isto é para evitar que os casos sigan aumentando na zona.

Os positivos na provincia rozan os 300, pero os hospitalizados son 17.

Ata agora o número de ingresos non se corresponde co que ocurría na primeira vaga. Primeiro, porque a xente que se detectou ao principio era notablemente máis nova que en marzo; segundo, porque estamos facendo moitas máis probas, coñecendo aos asintomáticos, e terceiro, porque estamos facendo barridosque permiten detectar precozmente e evitar a trasmisibilidade do virus.

O hospital continúa coa súa actividade normal?

Si, este verán tomamos a decisión de deixar todas as camas abertas, temos tamén áreas de sobre aforo abertas, para atender aos casos de covid e aos sospeitosos.

En Atención Primaria a consulta telemática gaña peso, algo que preocupa aos pacientes.

Atención Primaria ten xa unha longa tradición de consulta telemática, o 15% do total antes do covid. Estamos desenvolvendo as potencialidades da consulta telefónica, que non pode suplir as interaccións pero facilita e orienta as accións do persoal sanitario.n

Contenido patrocinado

stats