Entregados os primeiros carnés de fitosanitarios

Adercou forma a través de oito cursos a unha media de 250 persoas

Publicado: 24 jul 2025 - 21:58 Actualizado: 24 jul 2025 - 21:59
Os primeiros veciños que recibirón o seu carné esta semana.
Os primeiros veciños que recibirón o seu carné esta semana. | La Región

A Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (Adercou) está a financiar, a través do Plan Leader, un ciclo de cursos de “Aplicador/Manipulador de produtos fitosanitarios. Nivel Básico”. Esta iniciativa responde á gran demanda de usuarios que precisan desta acreditación para poder adquirir e utilizar estes produtos.

O programa, que se desenvolve en diversos concellos da comarca de Ourense, contempla un total de oito cursos nos que se formará unha media de 250 persoas. Estas poderán acceder aos exames oficiais realizados por Agacal entre os meses de xuño e setembro, un requisito indispensable para aqueles que precisen aplicar produtos fitosanitarios de forma particular ou para agricultores sen traballadores ao seu cargo.

O ciclo de cursos deu comezo no mes de xuño. Nos días 23 e 24 de xullo realizouse a entrega dos carnés correspondentes aos participantes que xa completaron a formación e superaron o exame. Os concellos de Coles, A Peroxa e Pereiro de Aguiar foron os primeiros en recibir estas acreditacións. O presidente de Adercou, Manuel Seoane, participou na entrega de máis de 50 diplomas e carnés no seu concello.

Quedan pendentes de examinarse os participantes dos concellos de Barbadás, San Cibrao, A Merca, Gomesende e Amoeiro, que realizarán as probas no mes de setembro.

Adercou informou tamén de que, ao longo do verán, levará a cabo outras actuacións de posta en valor de diferentes rutas de sendeirismo que destacan os recursos do territorio. Estas actividades, así como a información para anotarse, estarán dispoñibles na páxina web da asociación (www.adercou.com), onde tamén se incluirán degustacións de produtos locais.

Contenido patrocinado

stats