Francisco Rodríguez: "Jácome non pode seguir e só se pode con PSOE e PP, é preciso un gran acordo"
Entrevista
O exalcalde de Ourense analiza a situación actual que vive o concello da cidade
Coa perspectiva que lle ofrecen cinco anos na Alcaldía, unha etapa truncada por unhas acusacións que o manteñen aínda nun purgatorio xudicial, Francisco Rodríguez reclama madurez ós representantes actuais de PSOE e PP para conseguir que a cidade de Ourense desfrute de estabilidade nuns momentos tan complicados.
Preocupado pola cidade?
Sinto certa tristeza de ver como cunha situación excepcional, o espectáculo político é lamentable. Neste contexto, é máis grave a falta dun goberno que garanta uns acordos adecuados ás necesidades. Hai que facer unha chamada á responsabilidade, hai que buscar unha saída o máis pronto posible.
Viviu a xestión desde dentro. É posible gobernar así?
Non é serio. Os gobernos teñen que ter unha maioría estable.
Que pasa por PSOE e PP.
Hai algunha outra solución? Non.
Non parece viable.
Nunha situación de certa normalidade ninguén dubida que PP e PSOE son adversarios e que calquera postulado en favor de acordos é impensable. Pero a pregunta do millón é se hai alternativa, se alguén a ten que a poña na mesa. Se todo o mundo coincide en que hai que poñer freo a esta situación e que non hai máis que unha alternativa, o resto son escusas e marear a perdiz. É o momento de ter altura política, medidas excepcionais.
É un problema dos que lideran, Rafa Villarino e Jesús Vázquez?
Non quero criticar a ninguén, senón pedir que por un momento ocupen un lugar irrelevante as cuestións partidarias e persoais por moi lexítimas que sexan e se poña todo o foco en pactar unha cogobernanza de dous anos, que non é tanto esforzo. Presupostos, medidas para axudar ós que o necesiten, o plan de urbanismo. Eu pido esa reflexión, que se pense exclusivamente na cidade e nos seus cidadáns, que o merecen. Despois, como fagan, quen teña que ser o alcalde, non é o máis importante.
Non debería ser Villarino?
A min ese tema non me preocupa nada, o que digo é que se Villarino ten nove concelleiros é moi difícil gobernar sen máis apoios.
O PSOE foi o máis votado. Non debe ser socialista o alcalde?
Se imos polo libro, claro. Compro iso, pero a partir de aí a realidade é que é necesario un gran acordo.
Houbo un veto directo do PP.
Non demasiado oportuno. Deben dar exemplo de responsabilidade, sentarse todos nunha mesa e fixar uns compromisos. Se é Villarino ou Manolito, que o decidan eles. Non obstante, o PSOE si que debía escoitar á militancia.
Pero hai unha provisionalidade.
Pero por que está así? Porque hai a alguén que lle interesa? Creouse unha xestora para pilotar un proceso pero vai para un ano e seguimos igual. Se estivese na pel do grupo municipal socialista, daríame un apoio inmenso saber o que pensan os 500 afiliados, sería unha forza incrible. Por que non se quere facer iso? Haberá que preguntarllo a eles.
Dicía un ano atrás que o partido vai mal, non existe. Segue pensando iso?
Claro, porque ó partido hai que darlle vida, capacidade para opinar. Sobre todo nun partido que sempre foi moi vivo, demasiado quizais.
Esa contestación interna, incluso dentro do grupo municipal, non dinamita a posición do partido nesta crise.
É importante que haxa unidade nun partido, pero inda así creo que hai que apostar por reforzar a posición do partido, como maioritario e máis votado, e ter capacidade para supeditar interese xeral a ambicións persoais e partidarias, non é o momento diso. Hai un diagnóstico claro, Jácome non pode seguir gobernando así e só hai unha solución, con PP e PSOE. O resto é distraer.
Pactar cun PP que puxo a Jácome na Alcaldía?
O PP ten a súa culpa por formar un goberno con alguén que coñecían perfectamente, non vale todo para manterse no poder. Pero inda así, xa virá o momento de pasar facturas e esixir responsabilidades. O urxente e prioritario é solucionar isto. Se empezamos con outras cousas, non hai solución. O PP é culpable, pero ten que ser parte da solución.
Mira moito a 2012 e laméntase do que puido ser se as cousas tivesen sido diferentes?
Está claro que o que pasou no 2012 tivo unha incidencia inmensa. A partir de aí só houbo inestabilidade e chegamos onde chegamos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Berto Manso
LA OPINIÓN
Es capaz de discutirlo todo
Evelio Traba
LEER ES UN PLACER
Retrato del criminal víctima