Garantiza un mayor alivio fiscal
Alfonso Rueda promete “cooperación y estabilidad” a los empresarios de Ourense
ARTE ET ALIA
Aartista lucense Noa Persán (Ainhoa Pérez Sánchez) está a amosar as súas vizosas obras no Centro Cultural, no acaído espazo expositivo da entrada. Coñecíamos a súa obra en Ourense dende que chegara en 2008 invitada polo galerista Manuel Márquez. Ela foi unha das primeiras artistas que apoiou dende a súa galería profesional na rúa Dr. Marañón. Viñera daquela con "Onirismos", e agora trae "Metamorfofiguraciones", recente serie que é a base da exposición, aínda que na escolla haxa obras de comezos da década. A cor verde domínao todo para impoñer unha forma de sentir dende as obras ata o tríptico-catálogo.
Dende a capa deste unha figura fita para nós, con quimono e finas ramas con frores de ameixa; e na contra capa unha cigarra e unha formiga semellan conversar nas follas dun xardín: aquel é un rostro xaponés, cultura oriental asiática xunto coa chinesa, que rodea a súa forma de ver a pintura, pois vive a vida tamén dende a actividade deportiva ligada ao karate, categoría 2º Dan, e non lle son alleos Hatha yoga e fitness. Hai na súa estética elementos das estampas históricas do Xapón decimonónico do Ukiyo-e, con influenza na Europa do imperialismo co impresionismo, mais tamén non convén desbotar a súa infancia nos Ancares, espazo montuoso de arbórea vexetación e cor dominante. No canto dos animais que parolan, é unha das súas "Fabulonirias" inspiradas en La Fontaine, serie de 2011 da que trae máis obras.
Elas permítenlle achegarse a un territorio na que a maxia se tingue de bondade, con leccións para o camiño da vida. Hai influenzas no modo de resolver as imaxes polos ilustradores, técnicas nas que a liña prevalece nas formas delimitando con autoridade os campos de cor. Estes son case planos, e amplos nos fondos, con figuras apenas moduladas nas superficies. Nalgunhas obras busca volume engadindo elementos vexetais en relevo, cos que acada efectistas valores táctiles no que se achega á esculto-pintura, un camiño sen dúbida a percorrer.
DO IKEBANA ÁS ALEGORÍAS
Vese en vodas e tamén en eventos colexiais esa estética que emana do Ikebana, nos arranxos florais. Mais o que interpela a Noa Persán é a súa esencia de ‘frores que viven’, e a artista insírea no seu concepto de elán feminino, unha expresión de sonos dende o corpo vigoréxico e xoven, figuras de muller do século XXI, con algo dese elegante efecto pátina da laca. Así nos modelos de retratos, de María Paz de Taboada ou "¡Quién da la vuelta a la tortilla?", que nos fita co corpo espido e fala coa tesoira-pluma logo de suxeitar unha cabeleira con estereotipos de xénero; e nalgún dos seus autorretratos, todos en elaboradas poses sobre actuadas. Noutros engade paisaxes vividas, o faro de Punta Nariga, con mensaxe escrita, recurso que espesa o seu dicir plástico. Unha exposición de carácter con dúas partes, e no eixo a "Dama do lago", co ollo feminino chorando na lúa. No chan hai unha obra inspirada en Lugo como cidade romana, na que vive esta donostiarra de nacemento.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Garantiza un mayor alivio fiscal
Alfonso Rueda promete “cooperación y estabilidad” a los empresarios de Ourense
IDENTIFICACIÓN POR ADN
El hombre hallado sin vida en As Caldas llevaba 48 horas muerto
SEGURIDADE VIARIA
Xunta e Pereiro de Aguiar melloran a seguridade de varias estradas
Lo último
A varios organismos
Honduras denuncia a Trump por injerencia en sus elecciones
ESTATUAS PROFETAS JEREMÍAS Y EZEQUIEL
Santiago recibe las esculturas del Pórtico de la Gloria tras 70 años fuera de la ciudad
PROGRAMACIÓN NAVIDAD 2025
El centro comercial Ponte Vella arranca su programación navideña con ocio, talleres y visitas mágicas