Luisa Pérez: “A medicina é humanismo: eu non sirvo para cortar e coser"
Cardióloga especializada na electrofisioloxía clínica e a estimulación cardiaca. Xefa da unidade de arritmias do CHUAC dende a súa creación, en 1994
De cativa, Luisa Pérez (Cartelle, 1958) quería ser enxeñeira agrónoma. Pero en Barcelona vivía unha dos seus oito irmáns e para esa titulación tiña que ir a Lleida; acabou elixindo a súa segunda opción: medicina. “Algo de agrónoma teño: se hai que faenar, hai que faenar. Queda no carácter esta forma de ver o traballo”. Con 25 anos de experiencia ao fronte da unidade de arritmias do CHUAC, na Coruña, esta doutora especializada na electrofisioloxía clínica e estimulación cardíaca está considerada unha referencia internacional nesta rama da cardioloxía, que abarca a curación -a través de ablacións- e a paliación de situacións máis graves con marcapasos, desfibriladores ou resincronizadores.
Como é o seu traballo diario?
O núcleo é a asistencia. Pero non podes facela ben sen investigar e se non tratas a experiencia clínica que vas absorbendo (...) Nestes anos houbo un cambio radical na tecnoloxía. Hai que formarse, acreditacións, másters... o estudo é o que trae as innovacións. E logo, convencer á Xestión e dirección da importancia deses avances.
Entre as empresas que colaboran con vostede sinálana coma unha referencia mundial.
Investigo todo o que podo. É a miña obriga e tamén a miña ilusión. É un retorno á xente que confía en ti. Co tempo a ilusión non decae. É o bo: medra, potenciase na medida que lle ves aplicabilidade na práctica clínica.Estou centrada na asistencia aos meus pacientes.
Mellorar a súa calidade de vida con avances coma o control remoto dos dispositivos.
Axudou a avanzar moito máis que o que permite un control clínico, é coma estar na casa do paciente. Foi un gran avance. Onde se viu unha gran importancia foi na pandemia: permitiu a pacientes clinicamente delicados que non tiveran que desprazarse as revisións. O covid colleunos coa rede montada e iso foi moi positivo para todos (...) A pandemia obrigou a atrasar procedementos programados. Agora intentamos recuperar o ritmo.
Que aprendizaxe saca do covid?
A vertente humana. A entrega da medicina, fiel ao xuramento hipocrático. E que deu todo o que tiña que dar, ata a vida. A admirable entrega de todos os profesionais, das limpiadoras ao mantemento.
Quedan moitas feridas.
Moitas familias perdemos membros. É unha marca. Antes chamábame a atención: carai, séguese a falar da gripe do 18. Disto tamén se falara cando a humanidade faga unha remuda xeneracional.
Apostan pola IA, non?
Toca todos os ámbitos. Na medicina está nos seus primeiros desenrolos. Estamos nun proxecto español, con varios hospitais, liderado por xente do Gregorio Marañón. Trata de aplicar un prototipo de intelixencia artificial para programar terapias que podemos poñer en marcha no paciente a través dos dispositivos. Hai liñas mais desenvoltas: por exemplo, nos tratamentos de ablación, para facer mapas 3D do corazón. Sempre para mellorar a súa calidade de vida e a eficacia dos aparellos.
Falta apoio económico?
Non estamos sobrados, pero se tes unha boa idea atopas apoios. Hai que estar no sitio adecuado no lugar oportuno. Prefiro ver o positivo.
Sufriron a Gran Recesión?
Moito, sobre todo nas infraestruturas. Foi un parón que se foi resarcindo, agora estamos a mellor nivel. En Galiza non houbo, polo menos no meu ámbito, déficit de recursos para a asistencia. Pero houbo parálise das innovación.
O covid lembrou o vital de non recortar en sanidade?
A sanidade é principal porque é a saúde. Na miña área, investir en arritmias é vital. Por que? Porque hai moitas arritmias que curan. E os tratamentos que as modulan melloran a calidade de vida e a supervivencia do paciente. É unha inversión de calidade e rendible.
No foco sempre sitúa ao paciente.
A profesión médica enténdoa vencellada ao humanismo. Curar non necesita empatía, pero a empatía fai que esa curación sexa máis vivencial. Un médico ten que ser próximo e independente. Gústame dialogar: entrar na confidencia pero sen romper o que me toca a min, que é tomar unha decisión.
Mantén vencellos con eles.
Grandes amizades. E grandes asociacións terapéuticas. Se transmites ben as cousas, acabas sendo curativa. Que che recorden é grato e é un retorno. Pero buscas que se reafirmen no seu benestar (...) Cada paciente queda na túa ficha emocional. Eu non serviría para facer medicina de cortar e coser. A profesión vai por liñas máis independente médico-paciente. Non penso que eses cambios sexan a mellor.
Esta frase é súa: “Todos os médicos somos malos. Uns sabémolo e outros non".
É unha ciencia empírica, nunca chega ao fondo da verdade. Somos “malos” no senso de poder mellorar: temos a obriga de buscar.
Coma deberíamos todos, non?
Pero hai ciencias exactas que envalentonan máis. Esta non. Sempre hai casos que che esixen máis do que ti podes dar nese momento.
A profesora María del Caño Vázquez (primeira pola esquerda) foi vital na formación de Luisa Pérez (ao seu carón). Esta fotografía é do último curso que estudou en Cartelle antes de ir Ourense para facer o Bacharelato: "A miña mestra está no meu corazón".
Despois de 32 anos na cidade, síntese xa coruñesa?
Eu son ourensá de Cartelle, estou enraizada alí e de alí serei. Por ser de Cartelle teño un epicentro e vou facendo círculos concéntricos. Síntome a gusto na Coruña: déronme un chance de desenvolvemento, a confianza de xestión nunha área da cardioloxía que medrou moito coa miña presenza e a dos meus compañeiros (son 4 médicos e 5 enfermeiras). Na cidade estou a gusto...
...e aquí ven o pero.
O "pero" ourensán… mais cun "pero" é unha conxunción: “e”. Coruñesa e ourensá.
Coma lembra a súa infancia?
Sempre me din que son partidista. Pero ser de pobo é un enriquecemento vital porque fas todo o percorrido. Emprazo a miña infancia en “Memorias dun neno labrego”: ese libro retrata a infancia rural dos 60. Que é a miña. El (Neira Vilas) pon as palabras pero eu podo poñer os artífices da historia. De aí parto e aquí chego. Enriquéceme como persoa e anima a seguir. Indubidablemente souben o que era vivir unha vida... non de privacións físicas pero si sociais. Unha infancia rural e agora estou traballando e aportando ideas a un programa de intelixencia artificial. Síntome unha privilexiada. Un camiño feito paso a paso. E con perspectiva: a que os meus pais me ensinaron para que nunca a perdera.
E coma ve agora o rural?
A xente pensa de xeito pesimista. A España Vaciada, a Galicia Vaciada. Gustaríame darlle a volta. Non sei como. Pero estou preparada para voltar a Cartelle cando me toque. Esa é a miña ilusión. Voltar e pechar os círculos, voltar ao epicentro. Pero fora de que eu volva gustaríame atopar unha fórmula para revivir o rural. Optimizar, con ideas optimistas, con medios. Faltan proxectos.
Exerce de voceira.
Ao mellor poderíamos asociarnos uns cantos. Non me desapuntaría a facer algo por aquelo que me deu tanto. A miña forma de ser está na miña infancia en Cartelle.
Cando comezou, faltaban referentes femininos na ciencia?
En arritmias en España había unha muller. A doutora Moro no Ramón e Cajal, xa está xubilada. Eu non podo dicir que fora a segunda… pero mais ou menos. Moro foi unha pioneira e atrás fomos nós.
Notou cambios neste tempo?
Teño que dicir que nunca me sentín marxinada por ser muller. Non sei se tiven que demostrar moito a miña valía -con modestia- ou non. Perore coñecéronma: naqueles anos, eu era moi nova e se falou de facer unha unidade de arritmias en A Coruña. Adianteime a facer unha memoria: fun a única. Estaba moi estruturada e propuxeronme.
Olimpia Valencia, outra referencia. E tamén do rural ourensán.
Coñecina hai pouco. Na miña época xa estaba máis sinxelo. Sen dúbida, as pioneiras tiveron que pagar moito. Eu fixen o que quixen.
A súa familia apoiouna?
Tiven moito apoio dos pais e irmáns. E unha boa mestra rural. Creu en min sempre: María del Caño. Hai tempo que non a vexo. Vive no meu corazón. E seguro que no de moitos dos seus alumnos.
Que retos ten no seu futuro?
Aportar ao máximo a unidade de arritmias. Reforzar máis a liña de investigación e para iso terá que medrar o equipo. É central ser unha unidade asistencial líder.
E despois Cartelle.
E despois Cartelle. Quen sabe. A vida política, non. Se sigo con boas capacidades, non as desperdiciar. Onde apareza...nenos, maiores… Xa que a sociedade doume tantas oportunidades, seguir sendo útil e esgotar as miñas capacidades no ben común. Non sei como.
...
Iso si. Que as persoas poidan vivir en galego. Na súa cultura. Non é unha loita galego-castelán. É unha identidade cultural que hai que repensar. Gustaríame vivir un so día en galego antes de volver a Cartelle. E non o podes vivir: vas a botar gasolina e a máquina fálache en castelán. O aparcadoiro, en castelán. Por que? Entras nunha institución, o que che recibe fala en castelán. Por que? Mándanche unha circular do colexio de médicos… por que non en galego? A acta da reunión da Sociedade Galega de Cardioloxía.... en castelán. Por que? Todo iso sería o meu vivir antes de voltar a Ourense. E alí seguir.
Urxe a reflexión colectiva?
Si. Eu non estou na liña política senón sociocultural. A min non me estorba o castelán. Pero necesito o galego. A min mándenme as circulares en galego, as notas en galego, os programas científicos en galego… e vivamos en harmonía. E estamos lonxe de acadalo. Hai que traballar por el. Reunir forzas. E darlle unha volta a comodidade social na que está instalada moita xente deses que son “bos e xenerosos” pero están durmidos, non despertan do sono.
Foise cara atrás?
Recordo cando a xente en Cartelle comezou a falar en castelán aos fillos. Agora iso está enraizado porque xa son os fillos dos fillos. A marcha atrás é moi complicada (...) É posible vivir en harmonía diferentes culturas, sen valados. Aquí o valado non o pon o galego, o galego ten o valado. Algúns políticos dino ao revés no Día das Letras Galegas. E non vou contra o castelán, sempre digo que a xente fale o que queira, so así falarase galego.
Certos discursos políticos en Madrid tamén retrocederon...
Penso que a clase política ten prexuízos de que os descoloquen. Isto é malo: o galego é unha obriga dos líderes. Eu para ir a unha misa non teño que andar buscando… e se perdo aquela xa non podo ir en galego. Como é iso? A estas alturas? Nin as misas, nin a Sociedade Galega de Cardioloxía, nin o Colexio de Médicos… non podes quedar calado. Eu devolvo as cartas: “Por favor, remítanma en galego”. As veces nin che contestan. Hai máis coñecemento do que pensamos pero menos compromiso do que deberíamos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
DENUNCIAS DE LOS LECTORES
Cronista local | Las denuncias de los vecinos de Ourense hoy, domingo, 1 de febrero
UNA VIDA DE COLECCIÓN (XIV)
Galería | Por favor no moleste
Lo último