María Oruña: “A novela é un canto de amor á Galicia máxica"

Literatura

A escritora viguesa publica un libro ambientado nunha lenda de Santo Estevo

A escritora María Oruña.
A escritora María Oruña.

María Oruña (Vigo, 1976) atopou a lenda dos nove aneis no mosteiro de Santo Estevo como punto de partida para a súa novela "El bosque de los cuatro vientos" (editorial Destino), que acaba de chegar ás librarías e que o próximo 22 de setembro, ás 20,15 horas, presentará no Foro La Región no centro cultural Marcos Valcárcel. A escritora define o libro como "un canto de amor a Galicia que reclama a atención sobre a nosa historia, o noso patrimonio inmaterial, civil e relixioso. Temos marabillas que se están perdendo nos bosques".

Marina é a protagonista dunha historia ambientada na Galicia de 1830. Filla dun doutor que viaxa de Valladolid ao mosteiro de Santo Estevo para exercer como médico. Ela loitará contra as conveccións da época interesándose pola botánica, mentres o antropólogo Jon Bécquer, que investiga unha lenda, atopa un cadáver na horta do antigo mosteiro. "Coñecín o mosteiro nos noventa e fascinoume. Santa Cristina sempre me enfeitizou e cando empecei a investigar Santo Estevo quedei prendada. Non sei como, pero sempre acabo en Ourense", confesa a autora.

Dous anos investigando

A lenda dos nove aneis foi o inicio de dous anos de documentación. "Pareceume moi raro que unhas reliquias que foran tan veneradas se esfumaran sen máis. Cando traballaba de avogada xa fora a bibliotecas a documentarme da lenda, pero deixei o tema porque non era escritora. Pero eu xa sabía que ía facer esta historia".

"Neste proceso de documentación foi cando descubrín que ía contar, non sabía que ía atopar os aneis e incluso hai personaxes que xurdiron na trama porque os coñecín, teñen o seu álter ego na novela". Para Marina, a protagonista, non buscou unha "superheroína": "Intento amosar a perspectiva dunha muller moi nova en 1830, coa súa mentalidade. Que fixera pequenas revolucións que abran camiño ás que veñen detrás".

Oruña quere "amosar a beleza e a maxia de Galicia na voz do presente e do pasado, enredando ambas tramas coa lenda dos nove aneis". A autora, feliz por unha "expectación brutal" da publicación do libro, apunta que "Galicia é imposible de explicala nun libro, pero que haxa certo aire dela en cada palabra era o meu obxectivo. Toda esa maxia quería reflectila".

O soño dun roteiro literario

Unha segunda parte do libro está na posible ruta de localizacións. "Un dos meus colaboradores quere facela, porque xa hai xente interesada. Encantaríame que se fixese unha ruta Oseira-Ourense-Santo Estevo a partir do libro.Sería un soño marabilloso".

Contenido patrocinado

stats