Marisa Crespo, a cardióloga co corazón en Santrós
GALARDÓN
A médico ourensá Marisa Crespo recibiu onte o título honorífico de Filla Predilecta da Provincia. A súa excelencia internacional na asistencia, a docencia e a investigación é un exemplo de que o esforzo e o traballo teñen premio.
Os sons do violonchelo e dos aplausos acompañaron o recoñecemento da cardióloga ourensá Marisa Crespo (Santrós, San Cristovo de Cea, 1961) como Filla Predilecta da Provincia. Crespo recibiu o título das mans do presidente da Deputación, Luis Menor, nun acto que tivo que celebrarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel pola grande asistencia de público. A sinatura de Crespo xa figura no libro de honra da institución provincial, e a súa vida, na historia de Ourense.
“En moi poucas ocasións unha recibe o recoñecemento de ser filla predilecta da terra en que naceu”, agradeceu Crespo. No seu discurso centrouse en cuestións como o apoio da súa familia: “Foi fundamental para min e ségueo sendo”, dixo. Así, lembrou os seus pais, María Generosa Leiro e Modesto Crespo; a súa irmá, María, e o seu tío Agustín Leiro.
Ese bo clima familiar, sostido polo seu pai -dono dun serradoiro- e a súa nai -mestra-, foi o alicerce da súa longa carreira. Agora dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
Corazón en Ourense
A traxectoria de Crespo levouna por diversos puntos do globo terráqueo. Non só é unha prestixiosa cardióloga dende unha perspectiva nacional: participou en varias sociedades científicas máis aló da fronteira, como a Sociedade Europea de Cardioloxía ou a Sociedade Internacional de Transplante Cardíaco e Pulmonar.
A lista dos seus méritos é ostensiblemente longa. Pódese mencionar que ofreceu máis de 500 comunicacións en congresos, fixo centos de publicacións sobre a súa especialidade e codirixiu 15 teses doutorais. Foi invitada a impartir conferencias en prestixiosos hospitais como a Clínica Mayo de Rochester (Estados Unidos) ou o Instituto Karolinska de Suecia. No seu historial figuran reunións en sociedades científicas en Alemaña, México, Serbia, Arxentina, Lituania ou China, de entre unha profusa relación.
Con todo, Crespo segue cultivando o seu corazón en Ourense. “Xa sei que hai moitos lugares marabillosos no mundo, pero eu sempre agradecín nacer en Santrós”, manifestou en referencia á súa aldea natal: “É un lugar máxico, é o meu paraíso, onde renovo enerxía cada vez que estou”.
Cando abandonou a natureza de Santrós, foi só para estudar nas Carmelitas da cidade. De aí saltou á Universidade de Santiago de Compostela. Tralas súas primeiras etapas profesionais, chegou á Coruña en 1993, onde comezou a traballar no daquela incipiente programa de transplantes cardíacos.
Crespo quixo salientar a importancia do traballo en común neste tipo de operacións: “Todos os membros do equipo son necesarios”, dixo, lembrando a escasa marxe para o erro. Así mesmo, resaltou a importancia de doar órganos. Fixo gala da implicación de Ourense, “unha provincia cunha alta taxa de doazón de órganos, por riba da media nacional”. De feito, fixo referencia ao himno de Galicia: “Somos bos e xenerosos”.
A doutora afirmou ser “unha muller moi afortunada”: “Sempre vivín rodeada de cariño. Primeiro o dos meus pais, da miña familia; logo, o dos meus mentores, e ao longo de toda a miña vida, o dos meus amigos”.
“Ourense é berce de médicos”
O encargado da “laudatio”, de presentar a homenaxeada, foi o xefe de Cardioloxía do CHUAC, o ourensán José Manuel Vázquez. “A relevancia da súa presenza internacional significa que é recoñecida como unha das mellores cardiólogas do mundo”, salientou. A encargada de ler o expediente foi a súa instrutora, a deputada provincial Patricia Torres.
A cita foi pechada coas palabras do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen destacou a “traxectoria persoal e profesional realmente extraordinaria” de Crespo e que “Ourense é berce de grandes médicos”. Tamén falou o presidente da Deputación, Luis Menor: “Abafan a súa preparación e a súa traxectoria”.
Ademais do presidente provincial e o conselleiro de Sanidade, acudiron personalidades como o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, ou o alcalde de Cea, José Luis Valladares, de cuxo concello tamén é xa filla predilecta.
A violonchelista Susana Blanco acentuou a emotividade do acto. Interpretou diversas pezas e clausurou o acto interpretando os himnos de Ourense e de Galicia. Marisa Crespo xa recibira a Medalla Castelao da Xunta en 2019, entre outros recoñecementos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
NO ES UN HECHO AISLADO
Cae con 80 gramos de cocaína a los 4 días de una condena por drogas en Ourense
DÍA CONTRA EL CÁNCER
Ourense suma 2.600 nuevos casos de cáncer en el último año
Lo último
REPARACIÓN DEL PAVIMENTO
Un tramo de la calle Ramón Puga estará cortado desde este jueves hasta que se completen las obras
QUEN CHO DIXO
¿Sabe usted que Javi Rey ya ha ganado al Al-Duhail?