Marisa Crespo recibe o recoñecemento de Filla Predilecta da Provincia de Ourense
A cardióloga ourensá Marisa Crespo recibiu este sábado o recoñecemento de Filla Predilecta da Provincia de Ourense no Centro Cultural Marcos Valcárcel
A cardióloga ourensá Marisa Crespo (Santrós, San Cristovo de Cea, 1961) recibiu na mañá deste sábado o recoñecemento de Filla Predilecta da Provincia. O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu un acto no que se repasou a prolífica traxectoria da médico e investigadora, actual xefa da Sección de Insuficiencia Cardíaca do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
“En moi poucas ocasións unha recibe o recoñecemento de ser filla predilecta da terra en que naceu”, agradeceu Crespo trala entrega do título. O seu discurso centrouse na súa familia: “Foi fundamental para min e o segue sendo”, dixo antes de lembrar aos seus pais, á súa irmá e ao seu tío.
Corazón en Ourense
A traxectoria de Crespo, licenciada en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, levouna por diversos puntos do globo. Chegou a transitar por Toronto e a Universidade de Stanford, e fíxose cargo de postos de responsabilidade a nivel internacional no eido da investigación cardiolóxica.
Por citar algúns dos seus méritos -a lista é ostensiblemente longa-, ofreceu máis de 500 comunicacións en congresos, fixo centros de publicacións sobre a súa especialidade e codirixiu 15 teses doutorais.
Con todo, Crespo non esquece as súas raíces. “Xa sei que hai moitos lugares marabillosos no mundo, pero eu sempre agradecín nacer en Santrós”, manifestou, en referencia á súa aldea natal: “É un lugar máxico, é o meu paraíso, onde renovo enerxía cada vez que estou”.
Unha provincia de doadores
Tras finalizar os seus estudos e as súas primeiras etapas profesionais, chegou á Coruña en 1993. Alí incorporouse ao incipiente -daquela- Centro de Transplante Cardíaco. Unha operación na que “todos os membros do equipo son necesarios”, dixo, lembrando a escasa marxe para o erro neste tipo de transplantes.
Deste xeito, resaltou tamén a importancia de doar órganos. Ourense pode presumir de ser “unha provincia cunha alta taxa de doazón de órganos, por riba da media nacional”. Crespo fixo referencia ao himno de Galicia: “Somos bos e xenerosos”.
No peche do seu discurso, Crespo afirmou ser “unha muller moi afortunada”: “Sempre vivín rodeada de cariño. Primeiro o dos meus pais, da miña familia; logo, o dos meus mentores, e ao longo de toda a miña vida, o dos meus amigos”.
“Ourense é berce de grandes médicos”
O encargado da “laudatio”, o discurso que presenta os logros da premiada, foi o xefe de Cardioloxía do CHUAC, José Manuel Vázquez. “A relevancia da súa presenza internacional significa que é recoñecida como unha das mellores cardiólogas do mundo”, salientou o médico.
A cita foi pechada coas palabras do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen destacou a “traxectoria persoal e profesional realmente extraordinaria” de Crespo, así como que “Ourense é berce de grandes médicos”; e o presidente da Deputación, Luis Menor: “Abruma a súa preparación e a súa traxectoria”, dixo.
Asistencia de personalidades
Ademais do presidente da Deputación, quen encabezou o acto, e o conselleiro de Sanidade, acudiron personalidades como o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, ou o alcalde de Cea, José Luis Valladares, de cuxo concello tamén é xa filla predilecta.
A nota emotiva púxoa a violonchelista Susana Blanco, quen interpretou diversas pezas antes da cerimonia e durante a entrega do diploma. Tamén pechou o acto interpretando os himnos de Ourense -”Ourense no solpor”- e Galicia.
Co recoñecemento de filla predilecta, Ourense inclúe a Marisa Crespo na súa historia máis solemne. A médico, de dilatada traxectoria internacional, xa recibira a Medalla Castelao da Xunta en 2019, entre outros recoñecementos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
NO ES UN HECHO AISLADO
Cae con 80 gramos de cocaína a los 4 días de una condena por drogas en Ourense
DÍA CONTRA EL CÁNCER
Ourense suma 2.600 nuevos casos de cáncer en el último año
Lo último
REPARACIÓN DEL PAVIMENTO
Un tramo de la calle Ramón Puga estará cortado desde este jueves hasta que se completen las obras
QUEN CHO DIXO
¿Sabe usted que Javi Rey ya ha ganado al Al-Duhail?