EDITORIAL
La Región

Mellorar as infraestruturas loxísticas en Ourense para afianzar o crecemento industrial

SOLO EMPRESARIAL

A Xunta prioriza Ourense en materia de solo industrial e avanza en flexibilidade para atraer novas empresas

Publicado: 07 dic 2025 - 05:20 Actualizado: 07 dic 2025 - 07:46

Vista xeral do polígono de San Cibrao das Viñas.
Vista xeral do polígono de San Cibrao das Viñas. | La Región

A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur), está a impulsar o desenvolvemento de máis de 8 millóns de metros cadrados de solo empresarial en toda a comunidade, como parte da súa estratexia para facilitar o asentamento de novas empresas e a ampliación das xa existentes. Esta aposta pola política industrial céntrase en poñer solo á disposición do tecido empresarial e en apoiar activamente os polígonos xa operativos mediante diversas liñas de axudas.

Neste contexto, a provincia de Ourense é un foco clave nesta estratexia, con 2,7 millóns de metros cadrados de solo empresarial en tramitación, sendo, segundo a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, “unha das provincias con maior superficie industrial en tramitación neste momento”. Actualmente, o Goberno galego traballa no desenvolvemento dos polígonos do Carballiño-Maside, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar, San Cibrao e Xinzo de Limia. A Xunta subliña que Ourense “conta xa cunha sólida base industrial de sectores diversos que aspira a seguir crecendo”.

Salienta a ampliación de San Cibrao das Viñas, da que Margarita Ardao destaca que “constitúe un paso estratéxico para o desenvolvemento industrial de Ourense e o tecido empresarial da provincia”. A dispoñibilidade de 340.000 novos metros cadrados de solo industrial antes de 2028 “reforzará a competitividade das empresas e atraerá novas inversións á provincia”. O obxectivo final é fixar industria no territorio e xerar emprego local, buscando “planificar o desenvolvemento e posta a disposición de novo solo empresarial de forma rápida” para “apoiar o futuro industrial de toda a provincia, algo fundamental desde o punto de vista do equilibrio e a cohesión territorial”.

Reto Loxístico

Malia os avances no solo industrial, a Xunta sinala a necesidade de mellorar as infraestruturas loxísticas para consolidar o crecemento. Ardao apunta que o esforzo no solo industrial “ha de vir acompañada de nova infraestrutura loxística”, e recalca “a necesidade de trasladar ao Goberno Central a construción da nova Estación de Mercancías Ferroviarias de Ourense, que permitirá atraer máis inversión industrial a Ourense”.

En resposta á “demanda do empresariado galego, que é poñer a disposición solo empresarial de forma rápida”, a Xunta impulsou novas figuras para acelerar os trámites, como as Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (ZAPES) e as Zonas Industrial Rural (ZIR). Estas ferramentas buscan “crear minipolígonos en un tempo exprés, ao reducir os prazos de unha media de dez anos a menos de dous anos”.

Ademais, esta lexislatura é considerada a “lexislatura do solo industrial de Galicia”. Por iso, a Xunta adoptará “novas medidas que permitirán facer máis eficientes e flexibles os mecanismos de venda ou aluguer do solo empresarial promovido por Xestur”. Estes novos mecanismos de flexibilidade, que incluirán melloras “tanto nos prazos como nas formas ou condicións de pago”, buscan que “os prazos de adquisición e disposición do solo que as empresas requiren estean acompasados cos das súas decisións de implantación ou crecemento”.

Dobre liña de axudas

Para complementar a oferta de solo, a Xunta conta con dous instrumentos de axuda que suman un orzamento conxunto de máis de 6,6 millóns de euros e buscan mellorar a competitividade das áreas empresariais galegas.

Unha destas liñas é a IN519B, dirixida aos concellos, que ten como obxectivo a mellora e habilitación de infraestruturas e servizos xa existentes ou de nova incorporación nos parques empresariais. Esta orde tivo un orzamento inicial de 2.582.743,30 euros que foi ampliado ata os 5.615.461,3 euros para atender as solicitudes en lista de agarda, concedendo un total de 73 achegas, das que 7 beneficiaron a áreas empresariais da provincia de Ourense. As actuacións subvencionables inclúen a implantación de melloras na iluminación pública eficiente, plantas de depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias (tanto de acceso como interiores) e servizos centralizados de subministro de gas e/ou hidróxeno.

A segunda liña, a IN519E, é unha orde de nova creación que se enfoca na mellora da seguridade, a competitividade e a obtención de certificacións, selos ou marcas de calidade nas áreas empresariais, cun orzamento de 1.027.907,53 euros. Os beneficiarios son as asociacións de empresarios, entidades de conservación e comunidades de propietarios. Concedéronse 15 achegas, das que 1 beneficiou a área empresarial na provincia de Ourense. As actuacións subvencionables abranguen a instalación de equipos e sistemas de protección contra incendios, sistemas para reducir o risco de accidentes e inundacións, sinalización (agás a directamente relacionada coa circulación viaria), plans de emerxencia, sistemas de seguridade e vixilancia (incluído o antirroubo de cable), formación e a obtención de certificacións que acrediten a calidade da área.

A Xunta reafirma con estas medidas o seu compromiso co tecido empresarial, buscando garantir a dispoñibilidade de solo industrial e a mellora continua da calidade e competitividade das áreas empresariais xa establecidas.

2,4 millóns de metros cadrados máis en Galicia ata o ano 2028

Na actualidade, a Xunta, a través da Sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur) está levando a cabo actuacións que permitirán desenvolver máis de 8 millóns de metros cadrados de solo empresarial en Galicia. Na provincia da Coruña, hai en tramitación preto de 2,1 millóns de metros cadrados de solo empresarial. Trátase dos polígonos industriais da Sionlla (Santiago de Compostela), Cabana de Bergantiños, Bértoa en Carballo (fase A e B), Coristanco, Santa Comba, e Morás en Arteixo (fase C e D).

No caso de Lugo, estanse tramitando preto dun millón de metros cadrados a través de actuacións como as dos parques do Corgo, Xove, As Gándaras (fase IV, V, VIIa e VIIb), Meira e Palas de Rei. Ademais das actaucións de Ourense, na provincia de Pontevedra encóntranse actualmente en tramitación máis de 2,6 millóns de metros cadrados de solo empresarial. En concreto, en actuacións como as do parque empresarial de Toedo (A Estrada), Fragamoreira en Poio, a ampliación do polígono do Campiño, o parque de Louredo (Mos-Redondela), a ampliación do parque empresarial do Pousadoiro (Vilagarcía) e a ampliación da MI da PLISAN (Salvaterra-As Neves). Ademais, tamén se está a tramitar o proxecto de urbanización do polígono industrial de Lalín 2000 e o proxecto de reurbanización da Central de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas. De todas estas actuacións, a Xunta prevé executar case 2,4 millóns de metros cadrados no período 2025-2028.

Contenido patrocinado

stats