Nemesio Barxa: "Hoxe a cultura galega fica cada vez máis viva"

Nemesio Barxa é avogado e primeiro presidente da Asociación Cultural Auriense

M. Sánchez

Publicado: 11 mar 2023 - 06:46 Actualizado: 11 mar 2023 - 13:15

Nemesio Barxa.
Nemesio Barxa.

O avogado Nemesio Barxa, con 64 anos de exercicio profesional, e o médico Carlos Guitián reciben hoxe o premio Brais Pinto 2022 que outorga a Agrupación Cultural Auriense polo seu traballo en defensa da cultura e a lingua galega.

Que custe tivo a nivel profesional e persoal a defensa da cultura e a lingua galega?

Houbo de todo. Xente que miraba con simpatía a túa actividade e que no seu inconsciente sentía o idioma e cultura galegos, e outros que o consideraban unha estupidez por ser cultura e idioma de aldeáns. A proba é que nos primeiros tempos da Auriense os nosos actos estaban cheos de xente con certa idade, mulleres e homes que nunca imaxinaron que acudirían a esas actividades. Pequena burguesía e clase media ourensá era a que ía ás conferencias, recitais, representacións teatrais ou películas. No aspecto profesional, tampouco notei diferenzas. En Ourense, o galego estaba na rúa. Mais cando aquilo trascendeu da simple anécdota para irse politizando, si que notei, incluso nalgún cliente, que non resultaba grato acudir ó meu despacho. E avanzando o tempo, cando a actividade cultural era máis reivindicativa e radical, tanto para a ditadura como para unha parte da sociedade, consideróusenos inimigos do réxime, e incluso terroristas. Eu lembro escoitar diante do meu escritorio en Vigo a dous homes sinalando a placa identificativa do despacho. Decíalle un a outro: “Estes son os avogados da ETA”.

Os galegos do futuro falarán galego?

Non son adiviño. Desexaría que se falase máis. Porén, polo que vexo, e se non existe un goberno que decididamente aposte pola normalización lingüística en todos os ámbitos (ensino, administración, sociedade, cultura, etc.), esta vai ser unha sociedade suicida que prescindirá do uso dunha lingua que é a terceira ou cuarta máis falada no mundo. Temos que retomar lazos lingüísticos e culturais co mundo do lusismo. Ao cabo, o mundo da lingua galego-portuguesa que aquí naceu abriranos un mundo de posibilidades.

Foi o primeiro presidente da AC Auriense. A xuventude está desconectada ou hai relevo xeracional?

Comparada coa da miña época, á xuventude actual atópoa moi desideoloxizada. Mais tamén observo que hai novas xeracións de falantes que xa non empregan só o idioma no ámbito coloquial, senón que o teñen como primeira lingua e que se desenvolven nel con total normalidade. Son optimista, hai relevo.

A agrupación defendeu festas que hoxe son moi agradecidas como o magosto ou os maios…

Certo. Repuxemos o carballo da merteira, seco por un raio; celebramos festas de música e de palabra, levamos ilusión a moitos lugares que sentían abandonadas as súas tradicións. Nada se perdeu e moito se recuperou. Hoxe, a cultura galega fica cada vez máis viva grazas a todo o movemento asociativo cultural que agromou en toda Galiza.

Contenido patrocinado

stats