“Non podemos perder o festival de cine porque logo custará retomalo'

Isabel Pérez comezou o mandato que arrincou hai case un ano do mesmo xeito que o acabou: como concelleira de Cultura, tenente de alcalde e voceira do BNG. Nembargantes, o seu grupo ten agora tres concelleiros menos e o seu despacho xa non está no Auditorio senón na Consistorial, na Praza Maior.

Publicado: 21 may 2012 - 18:16 Actualizado: 10 feb 2014 - 23:52

Isabel Pérez, na Praza Maior (Foto: Miguel Ángel)
Isabel Pérez, na Praza Maior (Foto: Miguel Ángel)

Como resumiría este primeiro ano de mandato?

Foi a consolidación dun goberno que antepón os intereses dos ourensáns por riba doutro tipo de intereses. A experiencia dos catro anos do anterior mandato nos dan a perspectiva para afrontar outros catro.

Con esa perspectiva, se hoxe tivera que volver negociar o pacto de goberno, elixiría as mesmas áreas para o BNG?

Exactamente igual. Cando un se prantexa formar parte dun goberno ten que pensar que as responsabilidades das áreas son importantes concebidas de forma integral. As áreas nas que ten responsabilidade o BNG permitennos desenvolver ata un 80% do que está escrito no noso programa electoral, porque temos concellerías de acción directa, como Cultura, Mocidade ou Deporte, e outras, como o desenvolvemento do Casco Vello, que tamén ten que ver co termalismo, e nesta zona pódense aplicar políticas de todas as áreas. Pero o obxectivo máis importante do goberno ten que ser a dinamización económica e o emprego.

Como concelleira de Turismo, bota en falta non poder tomar decisións en Termalismo, área que antes xestionaba o BNG?

Estamos a tomalas. Necesariamente, porque o goberno establece cales son as prioridades e o termalismo é unha delas, por sentido común e por oportunidade económica. Unha persoa vén disfrutar das termas pero necesita dunhas infraestructuras hoteleiras que estrictamente non dependen de Termalismo pero que son necesarias, tamén dunha actividade cultural e gastronómica. O goberno ten ben definido a adscrición das áreas pero de forma que se faga de forma trasversal.

O BNG asumiu Medio Ambiente. Ten a percepción de que, como di o PP, recibiron un regalo envelenado co Montealegre?

Historicamente, o Montealegre era un común denominador de todos os programas electorais, tamén do PP. O proxecto púxose en marcha no anterior mandato utilizando ben as achegas do Plan E e agora temos que proxectar cal é o futuro dese espazo e para que ten que servirlle ós ourensáns. Ourense ten que buscar o seu oco e a súa singularidade. Non podemos ofertar un xardín botánico ó uso porque existen moitos no mundo e se cadra ninguén vén a Ourense a visitar un xardín botánico. Temos que facer algo singular e que complete os demais espazos da cidade. Por exemplo, sempre foi utilizado para os magostos e non podemos impedir que haxa un espazo para celebrar a festa. Eses son os axustes que hai que facer.

Pero é xustificable investir máis de 3,5 millóns de euros para facer o mesmo que xa se viña facendo?

Ó mellor hai tres anos si estabamos nas condicións económicas de investir pero neste momento o que temos é que conservar o que hai pero non hipotecar o futuro e pór aí uns orzamentos que é necesario repartir noutros ámbitos. Explicándollo ben ós cidadáns, van entender que non se vai poder facer todo o que estaba previsto porque a situación económica non o permite pero que temos que aproveitar o que hai.

Garante o Concello que haberá Festival de Cine?

É un dos eventos máis importantes para a cidade e o Concello considera que é necesario mantelo. Se un dos consorciados non quere estar (a Deputación), o outro ten que asumir a decisión de disolver o consorcio e facer o traballo de forma unilateral, adecuándose sempre as posibilidades dende o punto de vista legal, pondo os pés no chan e utilizando os medios que hai. Os premios non van ser tantos nin tan cuantiosos e determinadas actividades que garanten unha semana de festival digna é o que hai que facer. Nestes momentos non podemos perder o Festival de Cine porque retomalo no 2013 cunha paréntese sería moito máis custoso, tanto dende o punto de vista económico como de traballo. Polo tanto, hai que garantilo sen dúbida.

Vese responsable de que o festival non teña máis independencia das institucións públicas?

Eu asumo todas as críticas nese sentido porque foi utilizado como arma de discrepancia e aí contribuimos todos. Pasa en moitos máis ámbitos, coma o AVE, que se usou como arma política e iso en determinados sectores estratéxicos é un erro porque ó final quen sae perdendo é o festival, que sufriu avatares dependendo de quen tivese a responsabilidade de organizalo. Durante estes 17 anos viuse en moitos entreditos por cuestións exclusivamente políticas.

Fala do AVE. Que lle gustaría que pasara co proxecto de Foster?

Os políticos debiamos deixar que os técnicos prantexasen cales son as posibilidades e avalialas. Retrasáronse os investimentos, non se destinaron os que estaban previstos nos orzamentos e os prazos incumprirónse sistematicamente. O BNG o que mantén é que o AVE non se pode retrasar máis e non se pode utilizar como instrumento de oportunidade electoral. O que queremos é que se invista, é unha desvergonza que noutras partes do Estado se diga que Galicia ten que esperar, porque non é xusto. Se a estación é intermodal e singular -hai que ver o que supuxo para Bilbao o Guggenheim-, nunha infraestructura así non só hai que pensar canto nos custa senón canto nos vai dar.

Neste ano o BNG sufriu escisións. Afectaralle no Concello?

Os tres concelleiros somos do BNG, que é unha organización coral, onde importa máis o carácter programático que as persoas que o executan. O goberno de Ourense sería distinto sen o BNG e o importante é que a cidadanía valore a súa aportación. n

Contenido patrocinado

stats