Obituario | Delfín Cid Seguín, espérame en el cielo

Luis e Celso Cid
Publicado: 08 jun 2024 - 06:45
2024060722423987311
2024060722423987311

Na súa memorable película “Espérame en el cielo”, o director Antonio Mercero presentábamos en 1988 a un protagonista, o ortoprotésico Paulino Alonso, ao que a natureza trouxera ao mundo coma un dobre perfecto de Francisco Franco, malia ser comunista convencido. Raptado polo réxime, tivo que facer de substituto do ditador ata que, por vagancia do propio Franco e por inercia do seu gris aparato burocrático, chegaba a suplantalo a todos os efectos, enterro no Val dos Caídos inclusive.

O seu ministro de propaganda e posterior presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, nunca o soubo, pero el tamén tivo un “Paulino Alonso”, un doble perfecto que, caso de serlle requerido, houbera podido prestarlle amplos servizos de substitución representativa nas súas viaxes pola diáspora galega, e permitirlle dedicar máis tempo a xogar ao dominó en Vilalba, por poñer o caso.

Chamábase Delfín Cid Seguín, e vén de deixarnos onte. Nacera en 1938 na verde aldeíña de Penín, na cresta vizosa de montes que arrodea a antiga Lagoa de Antela, e que dulcifica co seu agarimo a dureza de eixos cartesianos coa que os concentradores parcelarios condenaron á chaira da Limia.

E con René Descartes, o filósofo do Discurso do Método, Delfín tiña moito en común: na súa particular concepción do universo, cunha moral cristiá vella e candidamente sinxela, o mundo dividíase claramente entre o ben e o mal, coa mesma nitidez coa que o día se diferencia da noite, o cheo do baleiro, o farto do famento.

Porén, esta moral antiga e esclarecedora, soñadora e idealista coma a do Quixote de Cervantes, non o levou nunca, como estamos fartos de ver neste sectario mundo, a ser gregario nin excluínte. Antes ben, cun sentido da xustiza que merecería ser estudiado detalladamente polos teólogos que dirimen as chamadas “causas dos santos”, Delfín consideraba que, sendo a vida e do destino propiedade de deus, nada merecía ser privado, sobre todo unha cousa: o tempo, o tempo dedicado ao traballo.

E comezaba a demostralo coa distribución das súas propias actividade e esforzo. Non houbo laboura, tarefa, choio, oficio, ocupación, angueira e todos cantos sinónimos haxa da palabra traballo que Delfín non realizara para os outros, para os demais, para os veciños, para a familia, desinteresadamente, sempre para os demais. Para todos, menos para el mesmo.

Houbo un tempo en que en moitos pobos da contorna limiá e ourensá, o mellor reloxo para saber que tocaba un labor (apaña, sacha, poda, matanza, ata, cava, renda, herba, vendima…) era saber que, unha hora antes cos demais, o Delfín estaba na porta, xa cravuñando a gadaña, caso de ser a sega, xa preparando calquera outra función previa do traballo, para ir adiantando e axudando silandeiramente aos seus semellantes.

Era a moral solidaria do Delfín a expresión dun mundo que morre con el, a xeito de derradeiro mohicano das aldeas galegas. Fundamentábase na colectivización equitativa do traballo, na participación común nos labores da comunidade e na socialización total do calendario agrícola. Un mundo que agoniza, como diría Delibes, e do que xa non queda máis ca na elevada conciencia de clase que tiña -malia que el non o sabía- como un traballador exemplar, daqueles que merecían as “Medallas ao Traballo”, e dos que se facían estatuas en bronce que sempre tiñan as mans grandes, coma os labregos de Castelao.

Delfín -paradoxos da vida- tan recto, tan cristián, tan cartesiano, nunca o soubo, pero el foi un dos maiores comunistas da historia: nunca pensou para si, regalou máis horas de faena que unha moderna ong, e transmitiu o amor ao traballo coma o elemento por excelencia da dignificación humana.

Seguro que agora, chegado xa ao seu ceo cristián, andan todas as ánimas revoltas con ese señor de Penín tan humilde, que aparece discretamente sen que o chamen media hora antes de cada celestial tarefa, sen pedir a cambio nada máis que poder botar de cando en vez, algunha partida con San Xosé e San Pancracio, santos patronos do traballo.

E de seguro que lles gaña.

Contenido patrocinado

stats