A obra icónica do galeguismo, unha "conquista identitaria"

arte

"A derradeira leición do mestre" volve á Arxentina tras recibir a sete mil visitantes no Pazo Provincial

Redacción | Ourense

Publicado: 10 abr 2019 - 09:42 Actualizado: 11 abr 2019 - 10:00

Desmontaxe do cadro de Castelao na antiga biblioteca do Pazo Provincial, despois dun mes de exposición.
Desmontaxe do cadro de Castelao na antiga biblioteca do Pazo Provincial, despois dun mes de exposición.

"A derradeira leición do mestre" emprende o camiño de volta á casa, ao Centro Galicia de Buenos Aires. O cadro de Castelao que representa a morte do galeguista ourensán Alexandre Bóveda, e que puideron observar sete mil visitantes, sae da antiga biblioteca do Pazo Provincial logo dun mes formando parte da exposición "Castelao e Prada, irmaus!". Un "fito histórico" para a provincia, segundo valoran dende a Deputación de Ourense.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, cualifica de "conquista identitaria" a oportunidade de que a cidade acollese esta icona do galeguismo, que antes só se puido ver no Gaiás de Santiago de Compostela.

A propia filla do mestre fusilado, Amalia Bóveda, confesou que en Ourense era a primeira vez na que podía observar "con detemento" o cadro no que choran a morte de Alexandre Bóveda en 1936.

"A conquista identitaria" que subliña Baltar inclúe o feito de que "os ourensáns tivesen a oportunidade de ver esta obra, ademais, ao carón dos restos mortais de Rodolfo Prada e da súa dona, e con determinados obxectos cedidos polo Partido Galeguista como a bandeira coa que foron enterrados os últimos presidentes desta formación política e cunha edición orixinal de Alba de Gloria, o famoso e fermoso discurso de Castelao".

Baltar valora como "un éxito de todo Ourense" a cesión do cadro na cidade, conseguido "quizais pola importancia que ten o feito de que fora Rodolfo Prada quen lle encargase a Castelao no propio Centro Orensano da capital porteña que pintara e transformase en cadro un dos seus debuxos da serie de láminas que tanto fixeron por Galicia e a súa identidade". Vai máis alá e considera esta exposición e as súas circunstancias "unha das noticias máis salientables deste mandato 2015-2019".

As circunstancias arredor do cadro: día da Galicia mártir

A circunstancia de que o cadro de Castelao se exhibise en Ourense e a reivindicación da familia de Bóveda para aprobar o Día da Galicia Mártir mobilizou ao pleno da Deputación para instaurar a oficialidade deste día, o 17 de agosto. Baltar subliña a "alianza de colaboración estratéxica no ámbito da identidade" coa Fundación Alexandre Bóveda.

Contenido patrocinado

stats