En Ourense, a grande monumentalidade arbórea

As árbores senlleiras son reliquias botánicas, cun grande valor para a ciencia. Na provincia de Ourense a listaxe é ampla, con seis

Ourense, a grande monumentalidade arbórea
Ourense, a grande monumentalidade arbórea

É una verdadeira marabilla pasear, andar, ver e tocar as árbores senlleiras do noso país, as que plantaron e coidaron os pasados, ás que temos que respectar e aloumiñar. As de Ourense son moitas e fermosas, unhas delas están catalogadas, protexidas e apalpadas polas mans dos cidadáns que as aprecian, que lles queren e que as protexen.

A Xunta de Galicia elaborou un catálogo no que figuran especies vexetais con características especiais. Este catálogo denomínase Árbores Senlleiras de Galicia e nel recóllense exemplares que, “polo seu tamaño, lonxevidade ou historia” forman parte dun grupo de individuos particulares e de interese para a cidadanía e para as persoas que as visitan, que as estudan e que difunden os seus valores.

Están diseminadas polo territorio e son un verdadeiro atractivo cultural e turístico. Hai que velas e volver a velas, miralas e aprender delas e das súas contornas. Elas contribúen á harmonía paisaxística, dan vida e sosego, son mostra inequívoca da grandeza da natureza e da grandeza das persoas que as coidan. As senlleiras, aínda máis que as outras, son árbores faladoras que cantan e contan os contos das xentes que as viron medrar, e enchen de ledicia ao territorio onde naceron e co que se identifican plenamente. A paisaxe e o territorio constitúen o medio onde viven tamén os animais, entre eles os humanos.

Juan Pereira Fernández, nun traballo publicado en La Región, asevera que “Ourense ten unha gran riqueza ambiental e as súas paisaxes agrestes, combinadas coa súa vexetación autóctona, crean unha paisaxe envexable”. “A flora da provincia de Ourense, prosegue, está fortemente influenciada polas especies que habitaron estas terras durante tanto tempo”.

As árbores senlleiras son reliquias botánicas, cun grande valor para a ciencia. Na provincia de Ourense a listaxe é ampla, con seis formacións senlleiras, unha delas, o Souto de Rozavales, en Manzaneda, onde destaca pola súa monumentalidade o Castiñeiro de Pumbariños, unha das vinte e unha árbores senlleiras de Ourense. Segundo os espertos poida que sexa a árbore máis vella de Galicia.

O Teixedal de Casaio, en Pena Trevinca, no concello de Carballeda de Valdeorras, é unha interesante e antiga formación boscosa, con máis de catrocentos exemplares de teixo, nunha reducida extensión de terreo, que anda polos dous mil metros cadrados.

O Bidueiral de Xares, en A Veiga, é outra das formacións senlleira catalogadas na provincia de Ourense. Está considerada como un tesouro da botánica, cun valor incalculable nos eidos da cultura, da paisaxe e da historia, xa que o bidueiro é para os galegos como a árbore da sabedoría e as súas ramas e follas empregábanse na Idade Media para escorrentar aos malos espíritos e poñerlle freo ao mal de ollo. No conxunto de Xares hai máis dunha ducia de bidueiros de grandes dimensións. Tamén son grandes os castiñeiros dos Blancos, un conxunto monumental con máis de cento cincuenta anos.

Os carballos da praza do Campo de Bande e as tileiras prateadas da igrexa de San Domingos de Ribadavia son outras dúas formacións senlleiras nesta provincia, cunha grande riqueza en monumentos arquitectónicos e vexetais.

Galicia, segundo un informe da Asociación Forestal de Galicia, conta con máis de cento oitenta monumentos vexetais e algúns deles cun valor económico que se aproxima ao millón de euros. O mesmo presidente da Asociación, o catedrático xubilado da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rigueiro di que o castiñeiro de Soutogrande, en Vilariño de Conso, ten un valor superior aos setecentos cincuenta mil euros. A avaliación baséase no volume, forma, dimensións, idade, apreciacións culturais, históricas ou científicas, entre outros aspectos.

A defensa do medio ambiente, o coidado das árbores, da natureza, da paisaxe e da terra é unha maneira adecuada para facer país e defender os valores dunha sociedade moderna e en marcha, na procura sempre de tempos novos e sen perder a memoria.

Contenido patrocinado

stats