Rafael Vallejo: "A Xeración Nós impulsou o turismo en Ourense"

Rafael Vallejo, autor de “Historia del turismo en España 1928-1962”.
Rafael Vallejo, autor de “Historia del turismo en España 1928-1962”.

O catedrático de Historia Económica da UVigo, Rafael Vallejo, acaba de publicar un extenso manual de 700 páxinas no que analiza, en detalle, como España se converteu nun dos principais destinos turísticos internacionais. “Historia del turismo en España 1928-1962” é unha minuciosa investigación na que se poñen números e datos á que no seu día foi bautizada como “industria dos forasteiros”. Vallejo, investigador do grupo Ecosot (Economy, Society and Territory), fai unha análise inédita do papel das provincias no bum desta industria. Sobre Ourense hai datos moi interesantes da historia do turismo no libro. O autor subliña durante varios capítulos a escasa ou nula atención que se ten prestado á organización turística por provincias nas narracións feitas sobre a historia do turismo español.

Este é un percorrido histórico pola historia do turismo español, pero tamén presta atención ao papel das provincias. Que importancia tiveron neste auxe do sector?

As xuntas provinciais de turismo arrancan en 1928, unha data importante. É o primeiro organismo en España adicado á política turística. Son algo así como os representantes do Patronato Nacional de Turismo nas provincias. A finalidade era fomentar o desenvolvemento do turismo a nivel provincial.

Como funcionaban estas xuntas en Ourense?

En Ourense estaba metida a xente da xeración Nós nos anos 1929-1930.

Dalgún xeito, estes intelectuais foron os impulsores do turismo en Ourense?

Digamos que as xuntas provinciais de turismo eran instrumentos de coordinación turística. Unha institución entre o labor dos concellos e o Estado central a través do patronato de turismo. Eran delegacións do patronato pero, por outra parte, eran organismos de carácter provincial para fomentar o turismo. En parte eran financiados polos concellos e deputacións.

Entón a xeración Nós era unha especie de prescriptora do destino Ourense como turístico naquela época?

Si, daquelas empezaran a organizarse as oficinas de información que elaboraban os folletos, os plans de fomento de turismo a nivel provincial, cartelería, folletos, acopio de materiais fotográficos… Nas xuntas provinciais encargábanse de ver e analizar cales eran as posibilidades turísticas e fomentar aqueles recursos e dalos a coñecer e divulgar. No caso de Galicia, teñen un certo compoñente cultural. En Ourense, as persoas que se incorporan eran xente vinculada ao mundo da cultura, que valora as cidades e os espazos dos que son. Actúan no ámbito da promoción cultural e dos recursos culturais das provincias. Naquel momento, tratan de poñer eses recursos ao servizo de promoción turística. Contribuíron a crear a imaxe dun destino.

Que a cultura fose a responsable de promocionar o turismo diferéncianos do que se fixo noutras provincias españolas?

Si, hai variacións en función das características dos lugares. Hai lugares onde a presenza empresarial é maior nestas xuntas. En Ourense, está a xente da xeración Nós. Fundamentalmente eran Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas e Vicente Risco. Eles chegan aí porque había unhas comisións provinciais de monumentos que daquelas se encargaban de defender o patrimonio cultural. E eles están nesa onda. En Galicia, en xeral, as xuntas tiñan un compoñente da xente da cultura, que valoraba a provincia e o país. Tamén había xente vinculada ao Seminario de Estudos Galegos.

E agora, como evolucionou históricamente a promoción do turismo en Galicia?

Desde que se crea a autonomía, son as autonomías as que se encargan da promoción. En Galicia hai un organismo específico para isto. O turismo empeza a ser un fenómeno de tipo local, aínda que xa era así tradicionalmente.

Un dos acontecementos recentes máis importantes para Ourense e para Galicia é a chegada da Alta Velocidade. Que repercusións cre que terá? Cre que o AVE se estudiará como feito histórico?

O turismo é xente que ten renta, tempo e pode e quere viaxar. E para viaxar, hai que ter medios de transporte. É básico. Calquera revolución no ámbito do transporte ten influencia no movemento da xente e se hai movemento turístico, ten unha influencia clara. O AVE pode ter incidencia en que acuda mais xente en Galicia? Si. Ten impacto e tamén nos outros medios alternativos. En Sevilla xa se viu: unha vez se estableceu o AVE en 1992, os voos desde Madrid caeron en picado. Aquí en Galicia tamén vai ter efectos. Seguro. As formas de chegar son diversas e hai que ter en conta o tipo de turismo, se é nacional ou estranxeiro, e a complementariedade entre coche privado e medios públicos.

Contenido patrocinado

stats