O Trivial pásase ao galego

Infantil

A deseñadora gráfica ourensá Patricia Joga participa na creación dun xogo de mesa de preguntas e respostas que pon en valor a cultura e tradicións da comunidade, e tamén educa a cativos e maiores sobre os diferentes camiños xacobeos.

Unha partida ao xogo "Roteiro de Galicia".
Unha partida ao xogo "Roteiro de Galicia".

Cal é a segunda cidade máis poboada da provincia de Pontevedra? Por que Camiño de peregrinación se pasa por Iria Flavia? Que palabra describe un sentimiento de tristeza polo afastamento do lugar de onde un é? Se coñeces a resposta destas preguntas, xa tes o necesario para botar unha partida do xogo de mesa “Roteiro de Galicia”, unha nova proposta enxebre inspirada no clásico Trivial e creada pola compañía Pentabox e a deseñadora gráfica ourensá Patricia Joga.

“O Roteiro é para cativos e maiores, mesmo para persoas de 80 anos!”, insiste Joga, e destaca que o xogo “ten cuestións moi sinxelas e outras que son máis cañeras”. No apartado visual, a ourensá aportou ao proxecto a sensibilidade colorista e alegre que ven desenvolvendo no seu proxecto Vai Vai Mr Can. Con este nome, a deseñadora ten ilustradas postais retratando diversas cidades galegas ou outros símbolos da terriña con cores planas e minimalismo preciosista.

A base do “Roteiro de Galicia” é froito dos 15 anos que Joga e Pentabox veñen treballando xuntos, aínda que para este proxecto as duas partes puxéronse ao mesmo nivel.

900 preguntas

O xogo pode mercarse por 29 euros, e atópase integramente en galego. Ademais do taboleiro e as figuras de madeira, as tarxetas inclúen 900 preguntas sobre diversos aspectos da cultura da comunidade, da natureza á música, pasando polos deportes. “E non só fútbol!”, destaca Joga, orgullosa de que “Roteiro de Galicia” poña especial atención na igualdade de xénero, destacando escritoras, artistas ou deportistas galegas.

“Ata que non empezas un proxecto como este non te dás conta da riqueza que temos na comunidade”, destaca Joga, entusiasmada cunha selección de temas que -di- a enriquece persoalmente. Outra das áreas que ten especial importancia no xogo é o Camiño de Santiago. “Roteiro de Galicia” conta co patrocinio do Xacobeo 2021 e da a coñecer os nove camiños que chegan á catedral compostelá.

O único necesario para percorrer o camiño ao redor do taboleiro é un dado e o coñecemento. E as respostas das preguntas iniciais? A primeira é Pontevedra; a segunda, o camiño portugés. A última, obviamente, é a morriña.

Contenido patrocinado

stats