Villarino: "Para cambiar esta provincia fai falta a cidade, e o meu desexo é a alcaldía”
Entrevista
O secretario xeral do PSOE ourensán e voceiro no Concello de Ourense e na Deputación analiza a situación da cidade e da provincia
Desde o mirador de Montealegre, Rafael Rodríguez Villarino (Ourense, 1965), asegura que ve unha cidade que non é a que desexaría, motivo polo que lle gustaría en 2023 converterse no alcalde de Ourense. Reforzado pola súa contundente victoria nas primarias socialistas, ve o seu partido como “a única alternativa” para conseguir o cambio no Concello de Ourense en na Deputación provincial.
Estamos en Montealegre, un recurso un tanto desaproveitado. Cre que Ourense non aproveita o seu potencial?
Dende hai anos Ourense só ten iso, potencial. O que non ten son persoas que o leven adiante.
Non ve a cidade que desexaría, entendo.
Obviamente non, ten que ter uns cambios xerais.
Por que?
Se vemos o centro, o que antes era unha zona comercial en auxe agora está case paralizada. Se cruzamos á Valenzá, hai negocios abertos, con actividade. Que está pasando nesta cidade? A xente estase desapegando dela. Na rúa escoitase todos os días que isto non pode seguir así.
Gañou en 2019 pero quedou sen nada. Superou a frustración?
Pero falaría de frustración colectiva, porque houbo un rexeitamento ó modo de facer política na cidade e na provincia e capitalizámolo moitos partidos, en maior medida o PSOE, pero tamén DO, que se postulou sempre contra un xeito de facer as cousas. A xente esperaba un cambio que non só non se produciu, senón que se acentuou o que había. Da inacción pasamos ó caos absoluto.
Está preparado para 2023?
Necesitaremos forzas cunha visión semellante, pero somos a única alternativa. Se houbese unhas eleccións hoxe en Ourense, habería un resultado claro a favor dun cambio.
Con Villarino de candidato?
O PSOE ten os seus procesos. Cando chegue ese momento, tomarei a decisión. Pero o certo é que me presentei ás anteriores eleccións, gañouse con claridade e noto o apoio nas rúas. A xente dime que ten gañas de que haxa un cambio de goberno e sinálanme.
Alcaldía ou Deputación?
O desexo persoal de Rafa Villarino é ser alcalde de Ourense, a Deputación ten outro alcance. Sería enganar a Ourense presentarme como candidato á Alcaldía para despois situarme noutro lugar e eu nunca enganaría a Ourense. Como secretario provincial, teño a responsabilidade de obter os mellores resultados na provincia e na cidade, que é clave para obter tamén a Deputación.
Hai voces, tanto dos seus críticos como afíns, que non ven ben a súa sobreexposición no Concello e na Deputación.
Ese é un falso debate, parece que somos Manuel Baltar. Ninguén se presenta como candidato á Deputación, o que existe é un candidato a alcalde ou concelleiro.
Pero non ve inasumible ser alcalde da cidade e presidir a Deputación?
Se a pregunta é esa, nunca tería os dous cargos, sería unha falta de responsabilidade. A cidade esixe dedicación plena, o goberno non é compatible con nada máis. Agora mesmo son voceiro no Concello e na Deputación por distintos motivos, pero iso é circunstancial.
Polo simbolismo que tería, non vería un éxito liderar a Deputación?
Si, pero vai unido coa cidade, non se poden separar. A Deputación é un organismo que debe xogar o seu papel en lugares con poucos recursos. Pero o realmente necesario para cambiar a provincia é a cidade, esa é a maior responsabilidade que se pode ter en Ourense. Baltar ou calquera presidente da Deputación ten un papel moito máis secundario.
O mandato rematará tal como está xa, sen moción de censura?
O PSOE puxo todo a favor para ese cambio e o PP encárgase cada día de dicir que non. O único responsable da situación actual é o PP, non hai ningún máis. É o que sitúa a Jácome e o mantén, a pesar de que os denoste cada día, faga o que faga. Dicía Trump que podería saír á rúa e pegar cinco tiros e seguiría sendo presidente. Jácome podería facer o mesmo e seguiría sendo alcalde.
Ten relación con Baltar?
Non, el non quixo e mantense. Tamén entra en campaña incluso nas primarias socialistas posicionándose por outro compañeiro.
Axudoulle iso?
Sen dúbida, pero eu non llo pedín (risas). El saberá por que o fai. Creo que pensa, nun erro político máis, que me faría dano. Iso dime que son un socialista que está actuando ben. É o momento de quitar estorbos, de xente que impide o desenvolvemento da provincia. Ademais el non ten a valentía de asumir a culpa do que pasa na cidade, senón que as bota no grupo municipal. Tampouco parece cousa de Alberto Núñez Feijóo. Se o PP é un partido sen responsabilidade, que fai gobernando?
Hai xa data para renovar a executiva local do PSOE?
Entendo que o primeiro fin de semana de marzo.
Vese reforzado a nivel orgánico na cidade?
A última votación foi bastante clara ó respecto, a militancia falou. Non está en discusión a forza do partido.
Gustaríalle que o secretario local fose Xosé Rúas?
Sería un magnífico candidato. Só podo dicir cousas boas del.
Que tal a relación con Formoso? Vostede foi con Caballero.
É cordial, o clima é bo. Non é todo o fluído que nos gustaría porque está arrincando. Imos poñernos xa a traballar en liña para as municipais.
Que lles levou a cambiar o voto coa residencia de maiores?
Nunca estivemos en contra da residencia, só nos facíamos eco dos veciños. Despois, pese a non ter o compromiso que nos gustaría, si tivemos imaxes de como vai ser e o compromiso da conselleira. Os veciños mostráronse satisfeitos e é o que respectamos. Apoiamos algo que cremos beneficioso para Ourense.
Equivocáronse na estratexia e viron un dano electoral?
Non, precisamente estivemos expostos a un dano por representar á xente. Non foi unha decisión electoral, o demagóxico sería dicir si a todo cando sabiamos que os veciños estaban pedindo outra cousa. Cando conseguen o que queren, estamos ó seu lado.
Terá listas nos 92 concellos?
Non presentaremos porque si, senón onde exista apoio. O relevante é o impacto que poidamos ter, un papel digno para optar a ese cambio provincial. Os actuais gobernos que temos están consolidados e, por exemplo, Elvira Lama vai ter unha subida importante en Xinzo.
Hai runrún en Celanova de que poden fichar ó alcalde.
Non existen contactos para que sexa o candidato, si hai moi boa relación.
É difícil facer agrupacións en determinados lugares?
Hai concellos nos que aínda existe xente con medo a poñerse nunha candidatura alternativa ó PP. É algo que me choca a estas alturas.
Que pasa en Melón? O seu alcalde quedou sen edís.
Non dá boa imaxe. Pero creo que a xente distingue unha cuestión interna de algo municipal. Emilio (o alcalde) loitou anos contra unha saga familiar corrupta do PP para darlle un futuro a Melón. Liberou de corruptelas ese Concello e traballa arreo. Cuestión distinta é esa disensión interna. A situación mudará cos novos concelleiros. O PP si é nocivo en Melón.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Nueva tecnología
Los seguros, otra ventana de oportunidad en el negocio de la IA
NUEVO FICHAJE
Xabi Oroz, un base de garantías para el COB
CORREDOR LOCAL MÁS RÁPIDO
Fermín Sousa recoge el premio José Luis Outeiriño del 59º Rally de Ourense