Xosé Mosquera: "Temos apertura e cintura para acoller á maioría dos galegos"

Xosé Mosquera preside a nova formación política Partido Galego

Publicado: 13 dic 2020 - 05:09 Actualizado: 14 dic 2020 - 08:54
Xosé Mosquera, elixido presidente do Partido Galego. (FOTO: MIGUEL ÁNGEL)
Xosé Mosquera, elixido presidente do Partido Galego. (FOTO: MIGUEL ÁNGEL)

Apenas unha semana despois de cumprir 64 anos, Xosé Mosquera Casero sitúase como cabeza visible dunha nova formación política, Partido Galego. Presentouse este sábado en Melide e busca converterse en referente do galeguismo, logrando que calle dunha vez por todas un proxecto transversal co país no centro das súas propostas. Mosquera asume con moita ilusión esta nova andadura tras a súa precipitada saída en 2018 de Compromiso por Galicia, ó non compartir o liderado do seu último secretario xeral, que levou o partido á irrelevancia.

Viña de lonxe a idea?

Si, había unha idea de retomar un proxecto de vocación para a sociedade galega.

Será difícil despegarse da imaxe de Compromiso por Galicia?

Non poñemos especial fincapé niso. En realidade hai unha coincidencia no color, que é verde, pero tamén é certo que era ou o azul do ceo ou o verde.

Pero moitos saíron escaldados de CxG.

Evidentemente, estes últimos anos foron de deriva, naufraxio, un camiño hacia ningures.

Que liñas mestras terá o Partido Galego?

No alumbramento de Compromiso había unha herdanza previa que nos situaba na socialdemocracia. O debate que aquí tivemos é que este proxecto contará con socialdemócratas, demócrata-cristianos, liberais. Desde o punto de vista do espazo ideolóxico aspiramos a que calquera galego que queira a que o seu país teña representación e faga valer os seus dereitos poida estar sen problemas. Temos apertura e cintura para acoller á maioría da sociedade galega.

Un vello anhelo, porque semella unha quimera consolidarse neste espectro.

Evidentemente, de entrada é como unha cuña que se mete nese espazo, esperemos que sexa de ferro e faga camiño. Pero en parte teno ocupado o PP porque non se contruíu ese espazo axeitadamente salvo nun momento puntual como foi o de Coalición Galega. Queremos que a xente entenda que este proxecto non ten nada de excluínte.

É un bo momento para forxar o proxecto, dado que non hai eleccións á vista?

O obxectivo é claro e temos tempo para maduralo. Temos unhas siglas pero non quere dicir que sexa a definitiva, a harmonía ou a confluencia pódete levar a buscar fórmulas máis integradoras.

Non se pechan a nada?

Non. O máis importante se queres construír para a maioría é partir dun principio aberto e non excluínte. Que os matices que cada un queira atopar se poidan ter en conta. Estamos falando con distintas candidaturas de todas as provincias, hai disposición para darlle un corpo potente para as eleccións que veñan.

A intención é concurrir a todos os niveis?

Por suposto. O obxectivo fundamental é capitalizar a representación de Galicia e negociar con quen teña o Goberno para conseguir os mellores réditos para o noso país.

En Ourense teñen máis forza?

Máis ou menos estamos igual en todas as provincias. A idea é darlle un impulso forte aquí porque hai moitas persoas coas que estou en contacto para darlle continuidade ó seu traballo, como os grupos de Compromiso de Barbadás, Maceda, Avión pero tamén se falou con candidaturas que hoxe son goberno en concellos.

A nivel persoal, está máis motivado despois do complicado final en CxG?

É un estímulo para seguir aportando o que me quede de folgos para que un proxecto que entendín que se fixo ben nos anos 30 do século pasado consiga agromar de novo no século XXI.

Contenido patrocinado

stats