¡BUONE VISIONI!
“Resident evil”: terror lúdico de autor
¡BUONE VISIONI!
Xa entrando no outono -aínda que non o pareza- estreouse nas salas de cinema a mellor película de terror lúdico do verán. “Resident Evil” é o novo capítulo da saga homónima lanzada no 2002 -na época protagonizada por Milla Jovovich- e que pasou por diferentes fases e adaptacións. A última foi a inconsistente “Resident Evil: Bienvenidos a Raccoon City” firmada por Johannes Roberts, moi pegada ao videoxogo orixinal. Despois desta entrega era improbable esperar algo peor. Aínda que, como explica o protagonista de “Il caimano” de Nanni Moretti: “Despois de tocar fondo non sempre se volve a subir. Pódese seguir escavando”.
Zach Cregger, director que tivo xa unha moi boa acollida polas súas primeiras longametraxes, “Barbarian” (2022) e “Wheapons” (2025) confírmase un dos autores referentes do chamado “terror elevado” contemporáneo, xunto con con Robert Eggers, Jordan Peele ou Curry Baxter. Cregger redeseña unha saga completamente estancada sen perder a súa esencia orixinal e recuperando o espírito que se atopaba frecuentemente nos filmes de series B independentes dos anos setenta e oitenta: un carácter lúdico e terrorífico a vez. Cregger fusiona a comedia negra e o terror visceral tendo uns referentes moi claros que van desde a saga de “Evil Dead” de Sam Raimi ao cine de Tobe Hooper pasando por “La cosa” (1982) de John Carpenter e “¡Jo, qué noche!” (1985) de Martin Scorsese.
Nunha reinvención totalmente nova da historia, a película segue ao mensaxeiro médico Bryan, interpretado por Austin Abrams, que se ve inmerso nunha carreira de acción para entregar un misterioso paquete no hospital de Raccoon City…
O recurso do heroe involuntario e torpe catapultado nunha realidade apocalíptica funciona moi ben. Bryan é un clásico “looser”. Non sabe disparar, é moi inxenuo, é incapaz de recoñecer o perigo inminente, e consegue saír dos apertos máis por azar que por talento. É un personaxe que se afasta moito dos outros protagonistas que interpretaron a mesma saga pero, ao mesmo tempo, é moi fácil empatizar con el.
“Resident Evil” avanza entre sustos e gargalladas nunha sucesión de situacións absurdas, cómicas e horripilantes á vez, moi ben ambientadas e fotografadas. Ao igual “Resident Evil” podería ser considerada unha parodia das películas de zombis e de terror en xeral, incluso dos videoxogos apocalípticos, pero ofrece un aire totalmente novo e inesperado a estes universos e sobre todo avanza moi ben.
Quizais o segredo de “Resident Evil” reside no citacionismo cinéfilo e ao mesmo tempo no feito que non se toma nunca demasiado en serio. Evita elucubrar unha explicación pseudo-verosímil sobre o comezo da apocalipse porque xa vimos centenares de versións cinematográficas sobre o mesmo, incluso vivimos unha pandemia de verdade. Cregger limítase en contar unha serie de peripecias que se encadean de forma fluída unha detrás de outra, deixando fora do campo o que podería embarrar o simple gozo do espectador. “Resident Evil” é unha boa película de terror lúdico, sen pretensións, cunha banda sonora minimalista. Fará felices os fans do xénero e sorprenderá algún espectador máis.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
¡BUONE VISIONI!
“Resident evil”: terror lúdico de autor
1 MILLÓN DE EUROS
Isabel Allende gana el 75 Premio Planeta con "La hora antes del alba"
Lo último