Valor sentimental

¡BUONE VISIONI!

Publicado: 19 dic 2025 - 05:55 Actualizado: 19 dic 2025 - 09:22

Valor sentimental.
Valor sentimental.

Hai unhas semanas, escribía neste espazo sobre a relevancia que está a ter o cinema noruegués. Sempre tivo menos relevancia con respecto as cinematografías dos países veciños como Suecia, Finlandia ou Dinamarca. Pero nos últimos vinte anos un puñado de cineastas como Bent Hamer, Erik Poppe, Hans Petter-Moland, Petter Naess ou Dag Johan Haugerud, abríronse camiño no panorama cinematográfico internacional. Os seus filmes aparecen xa programados habitualmente nos festivais máis importantes do mundo e atopan un oco na distribución internacional, España incluída. Joachim Trier é un deles. Non é un director novel. Na súa filmografía atopamos películas como Reprise (2006), Olslo, 31 de agosto (2011) ou El amor es más fuerte que las bombas (2015), entre outros, pero sobre todo La peor persona del mundo (2021). Con este último filme o director conseguiu numerosos premios, incluído o premio a Mellor Actriz para Renate Reinsve no 74º Festival de Cannes ou a nominación aos Premios Óscar como Mellor Película Internacional, ademais de darse a coñecer a un público moito máis amplo.

Trier volve a traballar con Renate Reinsve neste último Valor sentimental que acaba de estrearse en España. É un drama familiar que traspasa fronteiras xeracionais, arredor dunha casa familiar e co cal o cineasta gañou o Gran Premio do Xurado no último Festival de Cannes. Tras a morte da súa nai, as irmás Nora e Agnes reencóntranse co pai, Gustav Borg, un veterano director de cinema. Despois de moitos anos de ausencia, o home intenta reconciliarse cunha das fillas, Nora – actriz de teatro -, ofrecéndolle un papel na súa próxima película. Nora rexéitao aínda que pronto descobre que o seu pai deu ese papel a Rachel Kemp, unha estrela de Hollywood...

Valor sentimental, na súa primeira parte, desenvolve unhas premisas revolucionarias

Valor sentimental é un dramón que pode recordar ao cinema de Ingmar Bergman, pero con bastantes matices. Fala da herdanza familiar, da soidade, do teatro e da creación artística, dos traumas e da incomunicación entre pais e fillos, ademais de suicidio, todos temas queridos polo cineasta sueco. Pero Trier elixe o naturalismo para narrar esta historia, cun guión bastante aberto e onde incluso non falta o humor. Este último, sempre marcado por un “estilo nórdico”. Neste sentido hai escenas que provocan sorrisos máis que risas, por exemplo cando home regala ao seu neto de seis anos uns DVD que inclúen La Pianista de Haneke. Os cortes sobre negro utilizados na montaxe evidencian aínda máis os ocos da narración – as sombras duns traumas sen resolver, a ausencia duns personaxes como o da nai – pero si esta estratexia narrativa guste o menos xa é elección persoal de cada espectador.

Valor sentimental, na súa primeira parte, desenvolve unhas premisas revolucionarias. Pero só aparentemente. Estes impulsos quedan estancados sen solución na medida que avanza a metraxe. Na realidade o filme de Trier faise portavoz de valores profundamente tradicionais – a maternidade como obxectivo, a familia tradicional como fogar, só por citar algún – e cun final reconciliatorio, moi ao estilo da vella escola de Hollywood. O poder salvífico da sétima arte é outro tópico – ou valor, dependendo do punto de vista – que expresa claramente a película. É un cine dentro do cine que se celebra a si mesmo e que adoita gustar moito aos xurados de diversos festivais e aos académicos do primeiro mundo.

Contenido patrocinado

stats