Unha ofrenda “chea de afecto"
Día das Letras Galegas
A conmemoración das Letras Galegas mantívose onte viva a través da acción dos cidadáns, institucións e de asociacións que, botando man de imaxinación e da tecnoloxía elaboraron unha serie de alternativas para celebrar a Ricardo Carvalho Calero.
Unha sinxela ofrenda floral presidida por integrantes da Real Academia Galega (RAG), autoridades autonómicas e o alcalde de Santiago foi a forma de homenaxear ao autor Ricardo Carvalho Calero no Día das Letras Galegas, que este ano se celebran de forma atípica debido á pandemia de coronavirus.
O presidente da RAG, Víctor Freixanes; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a académica Margarita Ledo, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, foron algunhas das personalidades que se achegaron até a porta da casa na que viviu o intelectual en Santiago de Compostela, na rúa Carreiro do Conde, para realizar esta ofrenda floral, recitar un dos seus poemas e dedicarlle unhas palabras onte domingo.
A situación obrigou a que este 17 de maio se optase por un acto "sinxelo" que o presidente da RAG quere lembrar como unha celebración "chea de afecto, admiración e agradecemento", por encima de todo o demais. O 17 de maio "sempre é un día especial", unha "data simbólica do noso Rexurdimento, da nosa identidade nacional, do noso idioma no que deprendemos os primeiros nomes das cousas e que nos instala entre as culturas do mundo", engadiu. Tamén rememorou "o traballo, lealdade á causa de Galicia, compromiso e esixencia" que reflicte a obra do autor homenaxeado este ano. De todos os xeitos, Freixanes espera que o próximo 31 de outubro, a Real Academia poida realizar unha homenaxe en condicións na cidade natal de Carlvalho Calero, en Ferrol. Así, a celebración coincidirá co 110 aniversario do autor, que "naceu o mesmo ano no que apareceu no ceo o cometa Halley".
Foi o propio don Ricardo o primeiro en establecer unha relación entre o paso deste cometa polo ceo e o seu nacemento, nun dos seus poemas. Por iso mesmo, Margarita Ledo decidiu darlle voz nesta homenaxe a eses versos que o autor dedicou ao seu "irmán" Álvaro Cunqueiro en 1980. A académica recitou: "O primeiro aeroplano ensaiaba o seu voo, ti ja ou dixeches,/ namentres nós naciamos./ E o cometa Halley brillaba non ceu,/ e Tolstoy apagábase cando nós nacémos (...). A princípios de século nacémos,/ a fins de século morrémos./ Ti e máis eu fomos, verdadeiramente,/ fillos do noso século".
Neste 2020 cúmprense 57 anos desde que se empezou a celebrar o Día das Letras Galegas, o pasado 17 de maio de 1963. Aquel día o Pazo de Fonseca de Santiago acolleu aquela primeira celebración, na que o propio Carvalho Calero dedicaba as súas palabras ao poeta homenaxeada, Rosalía de Castro. Nesta ocasión tocoulle ao mestre "Don Ricardo" recibir a admiración dos intelectuais galegos que o lembran como un "poeta intenso e esixente" que construíu "un universo por primeira vez" coa documentación da historia da literatura galega.
Galicia está a vivir neste Ano Carvalho Calero situacións extraordinarias e as consecuencias dunha crise sanitaria que paralizou todo o país. A Real Academia Galega non foi unha excepción e xa se viu obrigada a tomar decisións sen precedentes nos 57 anos de historia do 17 de maio, como o adiamento do seu acto oficial de conmemoración ata o mes de outubro.
Extensión do ano Carvalho Calero
As restricións decretadas polo estado de alarma e as medidas de seguridade para facer fronte á covid-19 afectaron a toda a programación prevista para homenaxear ao profesor e escritor ferrolán. Por este motivo numerosas voces, da man de escritores, intelectuais, entidades sociais e culturais, solicitaron formalmente á institución académica que estenda a 2021 a celebración da figura de `Don Ricardo`, co fin de paliar esa situación e darlle a visibilidade que merece.
A Academia é totalmente consciente desta demanda social. O presidente da RAG, Víctor Freixanes, recoñeceu que se trata de "unha posibilidade que está aí" pero que a institución terá que valorar no seu momento. Freixanes avanzou que se convocará un pleno cando as circunstancias o permitan, previsiblemente á volta do verán (en setembro ou principios de outubro), no que a Executiva e os académicos analizarán a situación na que queda a conmemoración e as iniciativas desenvolvidas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ACCIDENTE LABORAL MORTAL
Muere un hombre por una posible intoxicación de monóxido de carbono al revisar un generador
DEFICIENCIAS EN LA SEGURIDAD
Primor cierra temporalmente en la rúa do Paseo en Ourense por incumplir la normativa de incendios