Os chocalleiros serán as referencias en Vilardevós

ENTROIDO EN VILARDEVÓS

A figura típica protagoniza a recuperación da festa unha edición máis

Desfile de chocalleiros polas rúas de Vilardevós, nunha edición anterior do Entroido local.
Desfile de chocalleiros polas rúas de Vilardevós, nunha edición anterior do Entroido local. | José Paz

A asociación cultural Os Chocalleiros é a organizadora do Entroido de Vilardevós, tras recuperar esta celebración hai xa 10 anos. Deste xeito, os chocalleiros, vestidos coas súas caretas, lucindo cores e cunha vara con farrapo na man, volverán saír as rúas para asustar, manchar e levar á xente non disfrazada a que os convide a un viño.

A celebración, na que colabora o Concello, a Deputación e a agrupación de Protección Civil local, arrancará o vindeiro xoves, 20 de febreiro, co Xoves de Compadres. Unha semana máis tarde, o día 27, terá lugar o tradicional Xoves de Comadres.

Dous días máis tarde, o sábado 1 de marzo, os chocalleiros participarán no desfile que sairá do campo de fútbol, acompañados polo novo folión da localidade, O Can do San Roque, e xunto coa Banda de Gaitas de Vilardevós. Todos confluirán na Praza do Cruceiro, onde seguirá a troula e a música. Ás 19,00 horas actuará a charanga Bicoia, e á tarde-noite haberá unha cea popular, trala que sairán os fachóns e o Meco dende O Toural. O peche da noite correrá a cargo da discomóbil R. Deluxe Eventos.

Desfile

O luns, 3 de marzo, será o desfile da man do centro residencial e do centro de día, das casas niño “Lala” e “Garabatos” e do CDR Portas Abertas, aberto á veciñanza.

Contenido patrocinado

stats