Chova, trone ou faga sol, en Bande os Troteiros sempre percorren as aldeas

TRADICIÓN

O Entroido de bande arrancou o sábado coa ruta polo concello do seu personaxe singular, coa música das gaitas

A comitiva de Troteiros viviu momentos de choiva á mañá, que en ningún caso impediron que completaran o percorrido.
A comitiva de Troteiros viviu momentos de choiva á mañá, que en ningún caso impediron que completaran o percorrido. | Marcos Atrio

Ataviados con camisa, pantalón e capa brancas, cintas de cores, coa cara tapada por un tapete bordado e máis un sombreiro adornado con postais de todo tipo e un espello para combater o mal de ollo, un numeroso grupo de Troteiros de Bande foron os encargados de dar inicio onte ao Entroido local, co seu xa tradicional percorrido por tódalas aldeas do concello.

troteiros de Bande.
troteiros de Bande. | Marcos Atrio

Unha xornada maratoniana para eles que comezou con chuvia e mal tempo ás 09:00 horas coa saída dende a Casa Consistorial, e que os levou a facer as súas trasnadas, sempre en clave de humor e aproveitando a inmunidade da que goza este personaxe singular, por un total de 31 núcleos, ata o solpor. Malia todo, os habitantes aseguráronse en cada parada de que repuxeran forzas con licor, bica e doces caseiros.

A Ruta dos Troteiros contou ademais co acompañamento dun grupo de gaiteiros que puxo a nota musical ao percorrido e fixo as delicias da veciñanza, que agardou pacientemente a chegada destes personaxes entroideiros, que empregaron un microbús para axilizar os desprazamentos.

Armados cunha vara, metéronse coas mulleres e os vellos, pero sobre todo troulearon. Os Troteiros despídense agora ata o vindeiro domingo, pero o Entroido de Bande continúa o venres co desfile escolar.

Contenido patrocinado

stats