Os Entroidos do Oriente ourensán buscan o recoñecemento nacional

DISTINCIÓN

Turismo de Galicia apoia ós tres concellos da provincia nas súas xestións como Festas de Interese estatal

Publicado: 28 feb 2025 - 06:15 Actualizado: 28 feb 2025 - 10:06

Tradicional danza das mázcaras de Manzaneda.
Tradicional danza das mázcaras de Manzaneda. | La Región

Os Entroidos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda, os coñecidos coma do Oriente ourensán, buscan seren declarados como Festa de Interese Turístico Nacional, unhas xestións nas que contan co apoio de Turismo de Galicia. Recentemente, durante a presentación das programacións destas festas, o director da axencia turística autonómica, Xosé Merelles, avanzou que en próximas datas se presentará toda a documentación precisa ante o Goberno central.

Actualmente, estes tres entroidos de orixe ancestral contan xa coa declaración de Festa de Interese de Turístico de Galicia. En concreto, Viana do Bolo ten este recoñecemento desde 1999, ao que se sumou Manzaneda en 2008. O máis tardío foi o de Vilariño de Conso, que logrou este título en 2016. Agora, o obxectivo é equiparar ese recoñecemento ó conxunto do Estado para potenciar unhas citas festivas milenarias.

Os Entroidos do Oriente ourensán comparten varios elementos característicos, como os famosos folións ou fulións, de aí que a proposta se faga de xeito conxunto. Estas comparsas están formadas por arredor de 30 persoas, que desfilan polas rúas e parroquias tocando tambores e instrumentos de labranza. Outro clásico común, que tamén teñen outros Entroidos da provincia, son os xoves de comadres e compadres, as batallas de fariña ou fariñadas e o lardeiro ou lardeira, unha figura a modo de meco.

Boteiros de Viana do Bolo.
Boteiros de Viana do Bolo. | La Región

Pero son moitas as singularidades de cada un, coma os personaxes centrais, que varían en cada zona. En Viana do Bolo e Vilariño de Conso o protagonista é o boteiro, que en Viana leva unha especie de tocado de cores e máscara xeralmente negra, mentres que en Vilariño viste unha pantalla e unha careta con barba e bigote. As celebracións deste ano comezan entre o día 15 e o 20 de febreiro e prolongaranse ata o día 5 de marzo.

Pola súa banda, en Manzaneda os protagonistas son as mázcaras, cuns característicos gorros con cintas de cores que realizan unha elegante danza con saltos de orixe arcaico.

O director de Turismo de Galicia puxo en valor a importancia da festa do Entroido en Galicia e subliñou que Ourense é a rexión do Entroido por excelencia, con sete dos 11 carnavais recoñecidos como Festa de Interese Turístico dentro desta provincia. Destes, o de Xinzo de Limia acadou xa a consideración de interese internacional e outro, o de Verín, está declarado de interese nacional.

Diferentes apoios

Boteiros de Vilariño de Conso.
Boteiros de Vilariño de Conso. | La Región

Turismo de Galicia promove a celebración do Entroido en Galicia a través de distintas vías. Ademais do apoio institucional e da difusión de información en web, elaborou unha Guía que recolle toda a programación dos 11 Entroidos de Interese Turístico da rexión para 2025, ademais de promocionar tódalas festas gastronómicas asociadas a estas celebracións.

Co apoio aos Entroidos de Viana, Vilariño e Manzaneda, Turismo de Galicia avanza na súa estratexia de desestacionalización, co obxectivo de consolidar á rexión como destino de referencia máis aló da tempada alta. Póñense ademais en valor os recursos turísticos da rexión oriental da provincia ourensá, como o turismo natural e deportivo ou o patrimonio histórico, nunha aposta pola diversificación xeográfica da oferta de destinos galegos.

A categoría de Festa de Interes Turístico Nacional é unha denominación honorífica que tenen conta a antigüidade, continuidade no tempo, arraigo e participación social, así como a orixinalidade e diversidade dos actos e actividades organizadas baixo o paraugas de cada evento.

Contenido patrocinado

stats