FESTIVAL INTERNACIONAL
Vilariño de Conso despide el XI ViBoMask
QUITADAS LAS PENAS
Ano tras ano, a pequena vila de Laza amosa por que non hai Entroido como o seu. O compromiso coa tradición e a fidelidade aos antigos rituais rurais, que continúan aínda vixentes, bastan para converter datas como o Luns Borralleiro de onte en experiencias que cómpre vivir polo menos unha vez.
Despois da pulcritude do Domingo de Estrea, co regreso dos peliqueiros nunha xornada que se viviu tanto na rúa como de portas a dentro nas casas dos lazaos, que non pararon de recibir visitas, a xornada de onte desatou a súa tradicional treboada de caos e tolemia, convertendo a Praza da Picota no epicentro da catarse colectiva grazas á habitual receita de formigas, toxos e terra.
A mañá arrancou con chuvia e coa farrapada, que volveu tinguir de marrón a praza. Nunha batalla onde coma na vida, cómpre mollarse, veciños e visitantes lanzáronse trapos con barro despois de enlamalos no bulleiro, cumprindo coa máxima de que quen menos se quere manchar, máis se acaba enzoufando.
Concluída a loita, tivo lugar a “Xitanada dos Burros”, un desfile protagonizado por asnos engalanados tirando de carros con xente nova, e seguidos por música e bailes. O seu percorrido entre Laza e Souteliño parodiou o paso dos antigos viaxeiros e maragatos polo val cara Castela.
Pero o verdadeiro éxtase chegou pola tarde dende Cimadevila coa baixada da Morena, esa vaca de madeira que escorna contra todo o que se lle poñe en fronte. Un símbolo máis de fertilidade, do fin do inverno e da chegada da primavera, nun ritual no que o resto de elementos cumpren idéntica función: a invasión do espazo urbano por parte do monte, co que se busca invocar a fertilidade, ben sexa humana, das colleitas ou da riqueza nos fogares.
No multitudinario descenso, enarboláronse os cobelleiros e non faltou un burro cunha persoa allea ao lombo. Á chegada á Picota, ante unha multitude que abarrotaba a praza, o ceo escureceu momentaneamente baixo unha choiva de formigas rabiosas —recollidas nas horas previas e enfurecidas con vinagre—, puñados de terra, toxos, borrallo e nubes de fariña impulsadas polas sopladoras.
A marabunta humana, ben tapada para non deixar aberturas ás formigas, caeu rendida ao conxuro do ritual pagán e a festa moderna. No clímax, mentres caían as formigas e arremetía a sempre presente formiga xigante, a multitude acabou saltando e cantando ao unísono o mítico cántico de “Que bote, que bote, que bote A Picota!”.
Trala tempestade das formigas chegou a calma da comida. A festa continuou, pero xa co consolo dun bo anaco de cachucha e un grolo de xastré para sacudir o po e, quizais, o último formigueo do corpo.
Os peliqueiros veteráns sairán esta mañá e, tras caer a noite, o testamento do burro fará o repaso satírico do ano. Co enterro do Entroido, o luto apoderarase dos peliqueiros, pondo punto e final ao máxico ciclo entroideiro de Laza.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
FESTIVAL INTERNACIONAL
Vilariño de Conso despide el XI ViBoMask
PRESERVACIÓN DE TRADICIONES
Nacho Rovira, coleccionista: "La Pantalla de Xinzo es una de las máscaras más originales del mundo"
EXPOSICIÓN DE MÁSCARAS
Galería | El espíritu del Entroido de Ourense se deja ver en el Museo do Pobo Galego
Lo último