CULTURA NA EDUCACIÓN
Galería | O Entroido ensínase en Trives
A aldea de Cernado, no concello de Manzaneda, converteuse este sábado o epicentro da festa e da tradición entroideira co regreso da Foliada do folión Da Mourela pra Acá. O evento, que comezou nesta mesma aldea hai xa nove anos, segue medrando edición tras edición, percorrendo todas as aldeas e consolidándose como unha cita ineludible para os amantes do entroido máis auténtico.
A chuvia amenceu con ganas de ser tamén protagonista, pero nin a auga foi quen de deter a ilusión dos participantes. Pasadas as once da mañá, as mázcaras empezaban a agruparse no punto de inicio, preparadas para dar comezo á ronda do folión. Bombos, aixadas, sachos, gadañas e cornas resoaban na entrada da aldea, onde os integrantes do folión solicitaban o permiso para entrar. Seguindo a tradición, foino a través de versos cargados de retranca e referencias á actualidade do ano. Do outro lado, os veciños de Cernado, tamén en verso, contestaron e deron luz verde á entrada. As esquilas das mázcaras foron as primeiras en soar, seguidas do inconfundible ritmo telúrico do folión.
Co permiso concedido e a chuvia comezando a recuar, a foliada percorreu cada recuncho da aldea. Os ecos do Entroido resoaban con forza, mentres pequenos e maiores bailaban, tocaban e vivían con paixón unha tradición que segue a ser un legado interxeracional. Nenos vestidos de mázcaras compartían a festa cos seus pais e avós, asegurando que o relevo está garantido e que o folión seguirá soando durante moitos anos máis.
Despois de facer tremer as rúas co estrondo dos bombos, os asistentes reuníronse baixo unha gran carpa, onde a festa continuou con teatro popular. Un ano máis, os veciños da Mourela pra Acá fixeron rir a todo o público con obras cheas de sátira e humor, abordando temas de actualidade e dedicando piropos e pullas a veciños e coñecidos. Porque no Entroido, todo está permitido e ninguén se libra da retranca.
Cando a risa deu paso á fame, a carpa transformouse nun gran comedor, onde máis de 200 persoas gozaron dun xantar de confraternización. Pero a festa aínda tiña unha última sorpresa: a fariña, fiel compañeira do entroido, fixo acto de presenza e deixou a todos ben brancos, nunha estampa que xa é tradición.
Un ano máis, a Foliada da Mourela pra acá confirmou o seu lugar no calendario como unha das grandes citas do entroido do Macizo Central, que deixa claro que, aquí, o entroido non é só unha celebración, senón unha forma de vida.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CULTURA NA EDUCACIÓN
Galería | O Entroido ensínase en Trives
FESTIVAL INTERNACIONAL
Vilariño de Conso despide el XI ViBoMask
EXPOSICIÓN DE MÁSCARAS
Galería | El espíritu del Entroido de Ourense se deja ver en el Museo do Pobo Galego
Lo último
TIEMPO DE PLAY OFF
O Couto prende la mecha para el ascenso de la UD Ourense
DÍA DE LAS FUERZAS ARMADAS
Vigo tiene una cita sin precedentes en la ciudad en sus 49 años de historia
DÍA DE LAS FUERZAS ARMADAS
Semana militar en Vigo con exhibiciones, música y desfile