Manzaneda vibrou no seu Martes de Entroido

ENTROIDO DE MANZANEDA

Un desfile de nove fulións chegados de Manzaneda, Trives e Vilariño encheron as rúas de son, cor e tradición na mañá de onte na vila. O desfile daba comenzo ás 11,30 horas, e ata ás 15,00 horas, os fulións non deixaron de retumbar polo pobo.

Publicado: 04 mar 2025 - 20:13 Actualizado: 05 mar 2025 - 10:26
A elegancia das mázcaras na súa danza foi palpable en todos os fulións participantes.
A elegancia das mázcaras na súa danza foi palpable en todos os fulións participantes. | Reme Martínez

O Entroido de Manzaneda viviu onte a súa xornada máis esperada, cunha celebración que reafirmou a autenticidade e a forza dunha festa declarada Ben de Interese Cultural. Tras semanas de fulións percorrendo aldeas e parroquias, a vila ourensá converteuse nun fervedoiro de sons, cores e tradición neste Martes de Entroido.

Dende as 11,30 horas, o patio do colexio acolleu a saída do gran desfile. Nove fulións, procedentes de San Martiño, A Caniceira, Sobrado, A Lardeira, os da Mourela pra Acá, Os Labregos, Vilariño de Conso, O Fiadeiro e Cesuris, percorreron as rúas facendo resoar bombos, aixadas e cornas. A danza das máscaras e o correr dos boteiros puxeron o ritmo a unha das manifestacións máis ancestrais do Entroido galego.

Centos de persoas participaron no desfile e máis de 1.100 asitiron ao xantar popular, mantendo vivo un dos entroidos máis ancestrais

Ao redor das 15,00 horas, o pavillón municipal abriuse para acoller ás máis de 1.100 persoas nun xantar de irmandade, que reúne a veciños e visitantes. O menú, composto por empanada, chourizo cocido, carne ao caldeiro, bica, viño e licores, serviuse nun ambiente festivo no que a festa e a alegría foron os protagonistas.

A vila despediu así un Entroido que demostrou, unha vez máis, que en Manzaneda a tradición segue viva e máis forte ca nunca.

Contenido patrocinado

stats