“Qué grande es el Santi”

OBITUARIO

Andrés González Conde, Andrés Gómez, Xulián Fernández e Luis Congil
Publicado: 19 nov 2026 - 04:35
Santiago González González.
Santiago González González.

Onte fixo once meses que, inxustísima e precozmente, unha luz cegadora te levou para sempre, como agoirou o teu Silvio Rodríguez. Son 335 días, 8.040 horas e 482.400 minutos nos que ficamos paralizados, mudos, cravados a unha ausencia atónita que non sabemos explicar. Once meses despois, apenas podemos dicir que, moi malamente, principiamos a descravarnos daquela triste perplexidade que a túa marcha nos disparou na alma, e podemos comezar a falar en alto con lembranzas, a darlle volume aos teus recordos.

“Hai que poñer a meta xusto onde che poda o cansazo, nin un metro máis alá”, escribiu o columnista que máis che gustaba, José Luis Alvite, e teu corazón -corazón de fondista, de ciclista, corazón de deportista ameazado por unha bomba de reloxería agachada- quixo cumprir esta sentenza: durou ata a meta, nin un segundo máis. Alvite, xunto a Bukowski, fora a túa lectura favorita nos tempos nos que nutrías a túa cinefilia con “Polvo de estrellas” de Carlos Pumares e con “Qué grande es el cine”, de José Luis Garci, rebautizado pola túa fina ironía como “Qué grande es el Garci”.

Os días e as noites da urxente xuventude compostelá foron moito máis agradables grazas á túa memoria enciclopédica para actores, actrices, e películas. Filmes que confeccionaron a nosa propia banda sonora orixinal, como a escrita por Michael Nyman para “El piano”, ou por Gabriel Yared para “El amante”, música coa que que aprendiches a buscar á túa propia Jane March, a actriz que interpreta ao trasunto da propia escritora Marguerite Durás.

Algo terrible e repentino nos arrebatou a túa presenza en brazos, precisamente, desa túa Marguerite Durás, María, o teu único e gran amor. Pero os que tivemos a sorte de haber tido unha vida máis leda e divertida grazas a ti, temos que rebelarnos contra ese estigma de traxedia que acompañou a túa marcha: non podemos ficar esmagados polo teu xeito de partir “á francesa”, como che gustaba a ti desaparecer, sen molestar, sen despedidas.

Deixar que o verniz dramático da túa partida impregnara a túa lembranza perpetraría unha dobre inxustiza. Todos os que te coñecemos debemos impornos unha obriga, un mandado kantiano, imperativo: acordarte como fuches, non como marchaches.

Porque fuches o mais ledo, o máis enxeñoso, o máis mordaz, o máis irónico, rápido, fino, elegante, irreverente e simpático. Eras un pintor de trazo fino, preciso, definitivo. Cunha soa palabra, establecías un símil certeiro, bocetabas -co teu galego preciso de Punxín- unha parodia cun xesto minimalista (“Caterpillar”, “O chaval”), barroco (“maroutallo”, “baldreu”) ou mesmo impresionista, salpicando os cadros costumistas que describías cunha precisión digna de Goya ou de Monet, só con antepor un artigo ao seu nome (“O...”).

Pero o mellor do teu prolífico enxeño, o que máis teremos que aprender a botar de menos, e a túa eterna ledicia (non exenta de amargura, dun escepticismo crónico que destilabas con perpetua ironía) sempre disposta a botar unhas risas -agora sardónicas, agora explosivas, contaxiosas, ou mesmo polemistas- que daba sentido a veladas enteiras de boa conversa, lembranzas, diseccións antropolóxicas e moito fútbol e basket, dos que eras particular vademecum.

Precisamente por iso, sempiterno gran deportista, descubridor serodio da bicicleta, botámoste especialmente de menos este longo e cálido verán do primeiro mundial sen a túa presenza, que tanto houberas desfrutado, e houberamos desfrutado todos contigo cos salseo que xa non tivemos.

Eras, en fin, un gran amigo, o mellor pintor da vida cotiá. E fixéchesnos a maior putada posible -non nos cabe dúbida que sen culpa, nin arte, nin parte- ao privarnos así da túa inimitable presenza. Botarémoste sempre de menos.

Que a risa che sexa leve.

Contenido patrocinado

stats