Morre Ramón Domínguez Blanco, fundador do C.D. Muíños que prestou servizo no Exército

OBITUARIO

Ourense despide a Ramón Domínguez Blanco, arraiano de alma, corazón e vida

Ramón Domínguez Blanco
Ramón Domínguez Blanco | La Región

Veu ao mundo en 1952, na aldea de Meaus, no corazón do Couto Mixto. Infancia marcada pola emigración e a separación dos seus pais, con cambios constantes de domicilio entre Ourense, Barxés (Muíños) e visitas esporádicas a Montevideo. Despois internado en Ourense no San Fernando e no Cardenal Cisneros. A finais dos 60 era xa un dos poucos ye-yés de longa coleta loira que chamaba a atención entre a xuventude da comarca cando a obra do encoro de Salas presenta unha oportunidade para moita xente do suroeste da provincia.

Unha etapa ilusionante sobre todo para os máis novos da contorna co nacemento da S.D. Salas, que tiña no campo da Feira de Porqueirós o centro de actividades, ademais dos locais de moda naquela data: Club Cubela de Mugueimes e Casino de Entrimo. Despois chegou a hora de cumprir coas obrigas militares no Servizo Xeográfico do Exército, que tiña a súa base na Fonda Lusitano de Lobios, e aí naceu seguramente a súa vocación de montañeiro empedernido.

Os anos posteriores, xa sen traballo, foron pasando entre as longas xornadas de pesca entre o Cancelo e Mestas, no río Limia que xa non temos, a fundación do C.D. Muíños no 79 e xa deseguido a S.C.D. Fontefría, idea que el mesmo lanzou nunha noite de lúa chea saíndo dunha taberna na aldea de Prado de Salas. Eran os anos 80, esperando traballo na súa especialidade (control de obra), non sen grandes dificultades. “Moncho Best”, como bo raioto, era de espírito revolucionario, admirador da URSS, que naquel tempo aínda era unha potencia. Despois de pasar por Anllares, no Bierzo, deseguido fichou por Euroconsult, e entre etapas de paro e renovacións xestáronse centos de anécdotas: despedidas do ano vello nos montes da contorna, o descenso en piragua do río Limia dende Sarreaus ata Viana do Castelo, etc. Pero o que finalmente marcou a súa vida foi fixar a base definitiva nas faldras do Xurés, na aldea de Prado, á beira do río Salas. Subía varios días á semana para facer o percorrido entre Salgueiro e Gralleiras-Fontefría. Miles de fotografías, expedicións polos puntos máis escondidos do Xurés-Gêrês e tamén da vida social ou das enchentas dos ríos que tanto lle gustaban. Era ademais un grande afeccionado á arqueoloxía, faceta que nos inculcou ao resto de compañeiros do seu entorno.

Pero, aínda sendo un pel dura como un xabarín, a vida tiñalle reservado o derradeiro combate, que foi sen dúbida o máis difícil de pasar. A morte prematura da súa dona, María, obrigouno a deixar as súas actividades preferidas para dedicarse integramente a coidar da súa filla Erea na vila do Barco de Valdeorras. Complicacións derivadas de diversas doenzas típicas da idade ocasionaron inesperadamente o seu pasamento.

O vindeiro domingo, día 18, será a despedida cunha misa na igrexa de Sta. María de Barxés e de seguido un acto de lembranza no dolmen da Casiña da Moura, a carón do encoro de Salas. Como remate, travesía na serra entre A Portela e Pitões e comida de homenaxe nesta localidade da raia transmontana.

Cada vez que subamos de novo a Fontefría, O Borrageiro, Nevosa, Corcovos de Concelinho ou pola Serra do Soajo, alí estarás ti presente, querido Ramón.

Sempre nos nosos corazóns, Moncho.

Contenido patrocinado

stats