Obituario | Mariluz Montes Quireza, viúva de Chano Piñeiro
Defensora do seu legado
Mariluz Montes Quireza faleceu esta semana aos 71 anos
Afincada en Vigo pero nada en Rubillón (Ourense) en 1954, farmacéutica de profesión, vicepresidenta de Relacións Institucionais do C.D. Areosa, viúva do pioneiro do cinema galego Chano Piñeiro, Mariluz Montes Quireza faleceu esta semana aos 71 anos. Os funerais tiveron lugar o martes pasado na igrexa de Santa María de Baíste (Avión, Ourense) mentres unha segunda cerimonia relixiosa será hoxe na igrexa María Auxiliadora de Vigo ás 20:15 horas.
Ao longo destes días, o audiovisual galego na súa totalidade quixo expresar o seu pésame. Mariluz Montes foi sempre unha defensora e promotora incansable da memoria e do legado de Chano Piñeiro tras o falecemento prematuro do cineasta no 1995, ademais de estar moi comprometida co cinema do País. Moitos e moitas poden afirmar o que declarou Ángel Viñas, amigo da parella: “Chano Piñeiro non fose Chano Piñeiro sen Mariluz ao seu lado”. É moi certo. Ambos eran estudantes de Farmacia en Compostela, cando se coñeceron nunha festa popular en Augasantas no 1974 e a partir daquel momento ficaron xuntos para sempre. A afección de Chano polo cine xurdira cando, un ano despois, Mariluz regaloulle o tomavistas Minolta de super-8. “A el facíalle moita ilusión ter unha cámara, así que non lle ía regalar un reloxo. Pedín unha cámara a Canarias porque saía máis barata”, lembrou ela nunha entrevista: “Fíxolle moitísimas ilusión e comezou a gravar imaxes por todos lados”. No libro Chano Piñeiro ou a teima dun soño, escrito por Francisco Rozados “Rochi”, amigo da familia e biógrafo do cineasta, Piñeiro recordou así eses anos: “A partir de casar con Mariluz descubrín unha Galicia diferente. Fíxome sentir o lancexar da terra moi forte .”
Desde o falecemento do director de Mamasunción (1984) e Sempre Xonxa (1989) Mariluz comprometeuse a manter vivo o seu legado con xenerosidade e agarimo en distintos eventos, exposicións e apoiando publicacións de libros. Un dos últimos actos no que asistiu foi no 2021 cando se organizou unha homenaxe ao seu marido en Forcarei. A actriz ourensá Saamira Ganay, membro da directiva da Academia Galega do Audiovisual, estivo presente con ela e recorda así a Mariluz: “Era unha muller encantadora, cun corazón fondo, forte e a vez sensible, moi sorrinte, amable e tremendamente agradable ademais de ser unha persoa con moito sentido do social. Bastaba con estar dez minutos con ela para collerlle cariño. Aquel acto en Forcarei foi especial. Estaba moi orgullosa de ser a muller de Chano”.
Nas súas derradeiras declaracións, Mariluz insistía moito sobre a necesitade de crear unha fundación que coidase o legado do cineasta, patrimonio indiscutible do audiovisual galego: “Nós non tivemos fillos e eu querería que o seu traballo non se perdese, que se puidese gozar del no futuro”. Nestes tempos, agora que facer cinema en Galicia, en galego, xa é unha realidade a nivel local e internacional, hai que recoñecer o gran mérito deles. Un home e unha muller que tiveron unha visión, un soño, e a valentía de mover os primeiros pasos para que fora o que é agora.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
INCIDENCIAS EN EL TRÁFICO
Árbol caído bloquea la N-120 y complica la circulación en Ourense
PROGRAMA XOGADE
Fiesta en Miraflores con los cuartos Xogos Intercentros