OBITUARIO
O galeguismo de Pepe Cotarelo
OBITUARIO
Un obituario débese, como é lóxico, a unha persoa ilustre que abandona, “in córpore”, definitivamente este mundo. O caso de hoxe é diferente, porque Toño Cesteiro, morreu fai dous anos, resucitou para ser pregoeiro do Carnaval, recuperou a súa vida administrativa e seguiu vivindo a normalidade social, cunha enfermidade, no seu intre, que non lle facilitou nada o seu facer, pero mantivo, a pesar da súa dor anímica e física, o sentido do humor que sempre o caracterizou. Seguiu vivo a pesar das decisións das administracións públicas.
¡Hoxe, tristemente, chegoulle o momento final! Os verineses perdemos a un referente do humor, da intelixencia, da chispa, do día e da noite, do motor, e sobre todo do Carnaval. ¡Quen non se lembra do home coa cabeza na man, ou do mendigo na porta do “Calinga”, coa perna metida na toma de auga do restaurante, ou a gloriosa representación de “Quin Barreiros” no medio pa praza Maior? Os seus vídeos e a súa compaña cun licorca e música de fondo no seu santuario: o “Revolver”. Pero ante todo quédome coa boa conversa, da súa humanidade, e do seu saber estar cos pés na terra.
Compartín moitos carnavais, nas “ceas das capas negras”, ou “Precomadres”, onde manifestou permanentemente o seu enxeño e a súa capacidade de estar moi por cima de todos. O concepto de amizade levábao tatuado na súa fronte e o respecto ó amigo, gravado no fondo do seu corazón. A súa benquerida “Brigada 47” formaba parte da súa folla analítica do Sergas.
Seguramente é un dos verineses máis recoñecidos por todo o país, porque percorreu en dúas rodas as esquinas máis inhóspitas da xeografía nacional, deixando amigos e avais deste fermoso val, ata o punto de ser visitado por unha meirande parte dos turistas que asentaron o seu asueto no seu benquerido Verín. Foi máis embaixador deste val, que tódolos panfletos publicitarios editados para o mesmo fin.
Coincidín con el na mesma corporación durante oito anos, e recordarei sempre a facilidade que tiña de unir a todos, cunhas sinxelas verbas dirixidas sempre cara a solución. Os veciños de Verín temos que botar ó ceo un solemne ¡Gracias!, pola súa entrega e desinterese.
Verín deixará de cheirar a pachuli, e propóñolle á corporación que na súa honra prendan unha varilla permanente con ese arume diante do seu “Revolver” con carácter permanente, para que a Alameda cheire á súa lembranza para sempre.
Agora marcha para o mundo da reminiscencia, onde son poucos os que alí asentan a súa eternidade. Con el teño pendente un libro e un traballo, obrigareime a serlle fiel e rematar a miña promesa.
A Pura, súa dona, María o seu querido xermolo e a súa irmá Lola, dende a miña humildade ábrolle os brazos para acompañalos nesta viaxe inexistente do seu querido Cesteiro, que non se marchará nunca de aquí, porque nunca morreu, nin morrerá, a pesar de que pasou por ese estado.
Observei que na nota fúnebre, puxo a tódolos seus amigos como familia. ¡Non podía ser menos! Soamente deste estilo de persoas sae este derradeiro agradecemento a tódolos que estivemos ó seu lado perante toda a súa vida. Isto tamén quere dicir que Verín, Galicia e os seus compañeiros Harley de todo o mundo, somos os que recibimos cunha forte dor, o pésame.
No vindeiro Carnaval haberá máis dun traxe imitando ó Grande Cesteiro...
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
BALONCESTO FEMENINO
El primer brindis de Suso Garrido por el Ensino
PROGRAMA SEMANA SANTA
Magia, religión y cultura en la Semana Santa de Ribadavia