ÚLTIMO TRIMESTRE DE 2025
Foro La Región, referente del debate político, territorial y emprendedor
Foro La Región
Cando Pepe e “Alfrediño” estudaban no Seminario Menor, o “Cara el Sol” cantábase tódalas mañás. “E polas tardes”, engade o segundo polo baixo. Aqueles nenos que medraron nunha familia “metade republicana e metade falanxista” hai sesenta anos son agora Pepe Otero, presidente da Fundación Casdemiro e Alfredo Conde, de sobra coñecido -e recoñecido- escritor alaricano. O segundo presentaba no Foro La Región deste martes o seu libro “A propósito de Fraga”. “A min Alfredo sacoume cantidade de veces de apuros”, confesou o presidente da Fundación Casdemiro despois de contar anécdotas como aquelas da escola na que “Alfrediño” era o encargado de facer as redaccións de tódolos compañeiros. Á charla uniuse o exalcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que foi tamén conselleiro de Cultura, cargo que Conde coñece de longo. De política, galeguismo, vellos e novos tempos falouse no foro. E das luces e sombras de Fraga, claro.
Despois de que Pepe falase do queixo de Lugo que comían nun piso compartido e de mandar saúdos á dona de Conde, presentou tamén a Jesús Vázquez cun golpe sobre a mesa: “É un home valente que ás tres da mañá puxo un tuit e dixo que collía os tarecos e os mandaba a todos ao carallo. Foi o único que lle deu un exemplo de dignidade a tódolos políticos de Galicia e de España”. E aínda que o exrexidor ourensán quixo limitarse a presentar o libro de Conde, na súa sinopse particular de “A propósito de Fraga” fixo un guiño á “traizón, manipulación e muíños de vento” que supón “o mundo da política”.
Quixo saber Vázquez se Conde recibiu algunha chamada “desas que adoitamos ter” trala publicación do libro. “Nin me arrepinto de escribilo nin recibín ningunha chamada”, explicou o escritor alaricano, que non tardou en afirmar que “Fraga puxo a Galicia no mapa, creou linguaxe política”.
Do que foi presidente da Xunta entre 1990 e 2005 admirou Conde dúas ideas: a de ampliar 14 millas as competencias galegas na ría e a de reformar o Senado. A primeira proposta “pareceume ben, polo sentimento e pola razón. Porque a metade das traxedias náuticas de Galicia terían sido xestionadas por nós e non en Madrid, que non nos deixaban nin opinar”. O galeguista, que foi mariño, cre que “cando foi o do Prestige e a Fraga o puxeron a caldo porque estaba de caza, el en realidade o que estaba era facendo unha protesta. Estaba dicíndolle a Madrid que non o deixaban nin opinar”.
Sobre a convicción da necesidade de reformar o Senado, Conde explicou que Fraga dicía que “as constitucións fracasaban porque nunca afrontaban a reforma do Senado, que permitiría corrixir os desequilibrios territoriais”.
Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, entre o público, animouse a disertar sobre política. O escritor contestou que “hai dous Fragas, o franquista e o autonomista, pero son a mesma persoa. Fraga, evidentemente, era conservador. Unha vez contoume que lle ofreceran a presidencia da masonería. E díxenlle: ‘Coño! Non sei que faría vostede dirixindo a librepensadores’. E non dixo máis”.
Conde, un dos galeguistas de referencia, confirmou o evidente: “Aínda que me sitúe nas antípodas políticas de Fraga, xérame un respecto enorme”. Contou que “cando Fraga chegaba aos sitios, era sempre o ministro liberal de Franco. Mamou o liberalismo que o seu pai tivo que aprender nunha compañía yanqui. Ese afán de Fraga por ser útil, por traballar, tivo que virlle do pai”.
O escritor non pasou por alto a situación cultural dende a Atenas de Galicia. “Teño preocupación polo deterioro evidente da cultura”, dixo. Porén, “a Deputación de Ourense está facendo pola cultura o que hoxe non fan noutros sitios”.
Nas interpretacións persoais do escritor cabe o que supuxo para o expresidente da Xunta a morte da súa muller. “El tiña un proxecto de catro anos. Que pasou para que o declinase? Que lle morreu a muller. Fartouse de dicirme que a o remate da lexislatura se ía para compensar a desatención da muller cunha viaxe por todo o mundo. Cando morreu dixo: ‘A miña muller é Galicia’. E eu, que son un pouco animal, respondinlle: ‘Si, para fornicar nela’. Non lle gustou. Pero efectivamente, non tiña un proxecto. Esgotárase. E coincide co ascenso de Aznar á Moncloa. Pregunteille: Pensa que vai conseguir algo con esa sumisión a Aznar?’. E el: ‘Unha estradiña aquí, outra alá…’. Díxenlle que non se pasaba á historia de Galicia abrindo carreteras, senón camiños, como comezara el”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ÚLTIMO TRIMESTRE DE 2025
Foro La Región, referente del debate político, territorial y emprendedor
RESPUESTAS A LA SOCIEDAD CIVIL
Luis Menor: “Debemos ir cara a mancomunar servizos”
Lo último